Aberto o prazo de inscrición para o curso de adultos na Escola Municipal de Teatro Comezará en decembro e desenvolverase os martes de 20.00 a 21.30 horas na Casa da Cultura de Tomiño

A Escola Municipal de Teatro segue ampliando a súa oferta para este ano coa posta en marcha por primeira vez dun curso de teatro para persoas adultas. Neste intre, 15 tomiñeses e tomiñesas maiores de 18 anos xa se anotaron para participar nesta iniciativa, aínda que dende o Concello esperan que a cifra sega crecendo xa que aínda continúa aberto o prazo de inscrición.

Con este grupo a Escola de Teatro coordinada por Bea Campos, de Migallas Teatro, o Concello de Tomiño dá resposta á crecente demanda de persoas maiores de idade interesadas en asistir a clases de teatro e ponse a última pata a escola teatral, que ata o de agora contaba con tres grupos, todos dirixidos a público infantil e á mocidade (un grupo de 4 a 8 anos, outro de 9 a 12 e un último de 13 a 17).

As clases comezarán o 12 de decembro e celebraranse todos os martes de 20.00 a 21.30 horas na Casa da Cultura de Tomiño. O prezo da actividade é de 15 euros ao mes, aínda que existen descontos no caso de asistir varios membros dunha mesma familia a calquera dos grupos formados.

O curso rematará cunha representación teatral a finais de primavera que suporá un punto e seguido ao traballo realizado este ano, xa que dende o concello queren darlle continuidade a esta Escola de Teatro para adultos, tanto para satisfacer a demanda de todas aquelas persoas que desexan mergullarse no mundo da interpretación como para dar continuidade a todos aqueles mozos e mozas que xa asistían ás clases e que ao acadar a maioría de idade non podían continuar coa actividade. Deste xeito achéganse as artes escénicas a todos os públicos, sen límite de idade e dun xeito asequible.

Para máis información e inscricións os interesados deben de dirixirse á Concellaría de Cultura de Tomiño (rúa A Rocha, 8) ou chamando ao teléfono 986 622 001.