Aberto o prazo para participar no 
concurso de deseño para o Día das Letras Galegas Organizado pola OMIX de Tomiño, este ano ademais de camisetas faranse bolsas de tea coa proposta gañadora

A OMIX busca enxeño e creatividade para conmemorar este 17 de maio. Un ano máis ponse en marcha o concurso de deseño do Día das Letras Galegas, co que se busca promocionar o uso e normalización da lingua e cultura galega en todos os ámbitos. Esta nova edición chega ademais con novidades baixo o brazo en canto ao material no que se plasmará a proposta gañadora: xunto coa tradicional camiseta, este ano faranse bolsas de tea co deseño elixido.

O deseño será libre e aberto e valorarase que sexa creativo e atractivo. Neste concurso poden participar todas as persoas interesadas e deben enviar o seu deseño a unha cor e preferiblemente vectorizado en PDF ademais do arquivo de imaxe en .jpg ou .png. Os e as participantes deben de ter en conta que a cor de fondo no que se vai a estampar o deseño será branca.

A persoa creadora do deseño elixido como gañador será agasallada con dúas camisetas, dúas bolsas de tea e un vale por valor de 30 euros para usar na libraría Novidades. Ademais, difundirase a súa proposta tanto nas redes sociais como en distintos medios de comunicación.

Dende a OMIX convídase a participar no concurso a todas as persoas, que poderán enviar a súa proposta a omix@tomino.gal ata o vindeiro 6 de maio.



X