ADETO e Abanca únense para facilitar o acceso ao crédito en Tomiño Asinaron un convenio de colaboración para facilitar o investimento e constitución de empresas

A Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería, Industria e de Centros Comerciais Abertos de Tomiño (ADETO) e Abanca veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, o investimento e a mellora competitiva das empresas adheridas a esta organización.

O presidente e a secretaria de ADETO, David Vila e María del Carmen Moldes, xunto ao director da oficina de Abanca en Tomiño, Julio Alonso, rubricaron este xoves na sede da asociación un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial do xurde Galicia.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores  da localidade asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Este colectivo contará con produtos especificamente deseñados para facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais na zona ou a mellora competitiva dos que xa están establecidos. Abanca pon tamén á súa disposición préstamos e hipotecas dirixidos ao investimento, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e con xuros moi competitivos.

De maneira adicional, os empresarios asociados contarán, en condicións especiais, con outros produtos da entidade financeira galega específicos para atender as necesidades do día a día das empresas, como pólizas de crédito, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, asinado entre Abanca e a Deputación de Pontevedra.

Do mesmo xeito, o acordo asinado inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade, así como o acceso a ‘Aplazos’, o servizo de compras de Abanca.

Os empresarios adheridos a ADETO poderán acceder tamén ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.