Adolescentes da Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizan ‘Morte e o meu avó’, último filme de Gon Caride

Adolescentes da Escola Municipal de Teatro de Tomiño protagonizan ‘Morte e o meu avó’, último filme de Gon Caride O domingo o auditorio de Goián acollerá a pre-estrea desta curtametraxe que mestura ficción, documental e found footage

Haberá un pase ás 18.00 h e outro ás 19.30 horas. A entrada é de balde ata completar aforo

 

A canteira da Escola Municipal de Teatro de Tomiño salta á gran pantalla. Un actor e varias actrices que desenvolven as súas dotes interpretativas durante todo o ano no Teatro Migallas protagonizan agora ‘Morte e o meu avó’, a última obra do director e guionista Gon Caride. O auditorio municipal de Goián acolle este domingo 5 de marzo a pre-estrea deste filme, do que o público poderá desfrutar de balde en calquera dos dous pases programados, ás 18.00 e ás 19.30 horas.

Ada Oliveira, no papel de Morte, e Xurxo Rodríguez, no de Nido, protagonizan esta curtametraxe que camiña entre a ficción, o documental e o found footage para facer que as persoas espectadoras fagan unha reinterpretación da figura da morte. Dende a inxenuidade dunha persoa adulta que xamais perdeu a un ser querido, o filme confronta ao público cunha reflexión sobre a ausencia, o engano da memoria e a fantasía da nenez. Todo a través dunha viaxe melancólica a un pasado que nunca existiu para reformular un futuro ao que nos aterra enfrontarnos.

 

Na curtametraxe rodada en Tomiño e no Rosal tamén participan as goianesas Andrea Álvarez e Tania Álvarez, que dan vida a dúas nenas xemelgas dentro do filme. Todas e todos eles forman parte da Escola Municipal de Teatro, dirixida por Tamara Campos e financiada e apoiada pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño.

Completan o elenco Bienvenido Baquero, que da vida ao avó, e Javier Caride, que interpreta a Nisio.

O director e guionista Gon Caride ten unha dilatada carreira ás súas costas, xa que traballou tamén como montador, director de fotografía, produtor e analista de guión nos Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, Francia e España. As súas dúas primeiras curtametraxes foron seleccionadas en máis de 100 festivais de cine de 30 países, acadando numerosos recoñecementos e premios á mellor dirección, curtametraxe ou guión dentro e fóra das nosas fronteiras. Na actualidade traballa na súa primeira longametraxe xunto coa produtora Gaitafilmes e na postprodución da súa vindeira curta, ‘Un novo día’, o proxecto mellor valorado nas Axudas a Talento da Xunta de Galicia 2022.