Alcaldes do Baixo Miño piden o apoio da subdelegada do Goberno para a urbanización dunha senda fluvial A proposta supramunicipal significaría un investimento de máis dun millón e medio de euros

A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra,  Maica  Larriba, recibiu aos alcaldes da comarca de Baixo Miño para retomar o proxecto de urbanización da senda fluvial do río Miño desde Tui ata A Guarda, cunha extensión de 15 quilómetros

A subdelegada  do  Goberno en Pontevedra, Maica  Larriba recibiu hoxe aos alcaldes da mancomunidade  do Baixo Miño para presentarlle o proxecto de senda fluvial ao longo do río Miño. En concreto estiveron presentes o  alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, Antonio Lomba da Guarda,  Anxela Fernández do Rosal, e  Sandra González, alcaldesa de Tomiño. Acompañados polo Xefe Provincial de Costas, Enrique  Menéndez, presentaron o proxecto de urbanización da senda peonil e cicloturista no tramo fluvial do río Miño na súa extensión comarcal.

O proxecto inicial, elaborado polos concellos mancomunados, ascendería a un investimento de 1,6 millóns de euros, estendéndose desde a Ponte Internacional de Tui ata a desembocadura do Miño, afectando a aproximadamente uns 15 quilómetros.

Os responsables municipais pediron a implicación da subdelegada do Goberno para impulsar esta mellora demandada desde fai máis dunha década para esta comarca pontevedresa.

Pola súa banda,  Maica  Larriba expresou o seu interese por este proxecto, valorándoo como “un investimento de futuro que melloraría o atractivo turístico para esta comarca, especialmente sensible á riqueza e equilibrio ambiental”. Por este motivo, Larriba comprometeuse a presentar este proxecto ao propio Delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para que promova  o seu estudo por parte da Dirección Xeral de Costas e a procura de financiamento administrativo.

Hai que lembrar que esta ribeira goza xa dunha senda  cicloturística e peonil na beira portuguesa e conseguiu un recoñecemento europeo pola súa calidade ambiental.

A subdelegada do Goberno realizará, proximamente, unha visita á comarca para comprobar in situ algunhas das melloras que se realizaron en pequenos tramos por parte dos concellos e que necesitan agora do impulso dun proxecto supramunicipal para esta beira do río Miño.

Os alcaldes tamén confían na implicación da Xunta de Galicia xa que esta marxe pertence á Rede Natura e por tanto, está dentro das competencias ambientais da administración autonómica.