Alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño únense fronte ao deterioro da sanidade da comarca Apoian a manifestación convocada polas plataformas en defensa da sanidade pública o 21 de decembro e celebrarán catro concentracións conxuntas para denunciar a situación precaria da atención primaria

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño únense para facer un fronte común ante o rápido deterioro da atención primaria nos centros de saúde da comarca, que nestes intres sofren unha importantísima carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas.

Ante esta situación de precariedade, os alcaldes e alcaldesas dos catro municipios da Mancomunidade do Baixo Miño, integrada por A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, apoian a convocatoria feita polas catro plataformas en defensa da sanidade pública da Guarda, Oia, O Rosal e Tomiño e convida a toda a veciñanza a participar na manifestación que se celebrará o vindeiro 21 de decembro na Guarda, que sairá ás 19.30 horas da Alameda.

Pola súa banda, as alcaldesas e alcaldes do Baixo Miño convocan para os meses de xaneiro e febreiro catro concentracións conxuntas “para denunciar unha vez máis a grave situación que atravesa a atención primaria nos nosos municipios e trasladar ao Sergas e á Xunta a necesidade de adoptar medidas de forma urxente”. Convídase a toda a veciñanza e ás plataformas en defensa da sanidade pública a participar nestas concentracións, que serán:

  • 12 de xaneiro. Ás 19.00 horas na Praza do Calvario do Rosal.

  • 26 de xaneiro. Ás 19.00 horas na Praza do Seixo de Tomiño.

  • 9 de febreiro. Ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada de Tui.

  • 23 de febreiro. Ás 19.00 horas na Praza Avelino Vicente da Guarda.

Dada a situación de precariedade e a falta de resposta por parte da Xunta, que non nos dá solucións nin a curto nin a medio prazo, as rexedoras e rexedores do Baixo Miño decidimos dar un paso adiante e denunciar de forma clara unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e a futura”, salientan.

A Mancomunidade reclama dende hai tempo unha mellora da atención sanitaria que poña fin á degradación progresiva dos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.