Alumnado do CEIP Barrantes levan a Rosalía á feira de Tomiño para achegar a súa obra á cidadanía Os rapaces e rapazas repartiron flores de papel e poemas da escritora galega mentres recitaban partes da súa obra na Praza do Seixo

Achegar a Rosalía de Castro como muller e como escritora á cidadanía, “xa que todo o mundo coñece a súa figura pero non a súa obra”. Ese era o obxectivo co que os e as estudantes de 5º e 6º de primaria do CEIP Barrantes trasladáronse este mércores das aulas á Praza do Seixo, onde durante gran parte da mañá repartiron flores de papel e poemas da autora galega e recitaron algúns dos seus poemas para celebrar o Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro.

A idea de adiantar a data de celebración debeuse á intención de “levar a Rosalía á feira e buscar un maior impacto social” na vila tomiñesa, como explicou unha das docentes do centro, María Lemos. Tratouse dun traballo de achegamento á cidadanía pero tamén dunha forma de que os preto de 100 alumnos e alumnas do CEIP Barrantes descubriran á autora galega, traballando a súa figura e lendo a súa obra. “É un xeito ademais de achegar a poesía aos rapaces e rapazas, porque a maioría das lecturas son en prosa. Desta forma aprenden a declamar e a ler a poesía con sentimento”, recalcou Lemos.

Esta saída forma parte das actividades que está a realizar o centro educativo ao abeiro das accións programadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para conmemorar o Día de Rosalía de Castro e que este ano conta cun manifesto escrito por María Reimóndez, manifesto que algúns dos docentes do CEIP Barrantes leron na Praza do Seixo acompañados por varios concelleiros do Concello de Tomiño.

Ademais desta actividade fóra das aulas, o resto do centro tamén está a traballar na figura de Rosalía de Castro de distintas maneiras. Así, baixo o lema ‘Abride a Fiestra’ o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de primaria colocaron elementos iconográficos de Rosalía e transcribiron versos soltos ou poemas completos en distintos soportes para pendurar das fiestras do centro. Pola súa banda, os nenos e nenas de infantil participaron na acción ‘Rosalía pequeniña’.