Amorín acolle este domingo a súa carreira máis solidaria

Os organizadores e entidades colaboradoras presentaron esta mañá a proba no Concello

Presentación Carreira Amorín 2016.3. agasallos entidades colaboradoras. reducida

A parroquia tomiñesa de Amorín acollerá este domingo, 29 de maio, a 8ª carreira popular que cada ano organiza en favor de Unicef e o seu programa “Gotas para Níxer”, así coma pola integración de persoas con discapacidade.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, e os organizadores e entidades colaboradoras presentaron a proba este mediodía no Concello. A rexedora salientou o compromiso incondicional do goberno local con esta proba solidaria e integradora, única no seu tipo en Galicia.

Na oportunidade estivo presente, o presidente da Asociación Veciñal de Amorín, Xosé Mª Regueiro, quen agradeceu a colaboración de toda a parroquia, que cada ano, se implica a máis non poder coa carreira.

O directivo salientou o carácter popular, solidario e integrador da proba, que cada ano convoca máis atletas –este ano agárdanse uns 400- e comentou que entre as novidades figura a colocación dunha meta volante, situada en diferentes lugares, segundo a categoría, e que dará dereito a un agasallo a aqueles atletas que a superen. Por outra banda, as tres persoas que resulten primeiras en cada categoría obterán trofeos.

Presentación Carreira Amorín 2016.4. agasallos entidades colaboradoras. reducida

Como sempre, todo o recadado destinarase a programas de Unicef en Níxer (1).

Regueiro agradeceu, asemade, a colaboración das entidades que traballan con persoas con discapacidade, como Vontade, Avelaíña e San Xerome, cuxos representantes asistiron tamén este mediodía á presentación da proba. E que participarán cos seus usuarios na carreira do domingo, así coma nas outras actividades que se desenvolverán paralelamente (andaina, baloncesto, etc.). Compre salientar que os agasallos que se entregarán ás entidades colaboradoras foron creados e aportados por usuarios do obradoiro de cerámica da asociación Avelaíña, da Guarda.

Con respecto aos aspectos técnicos, Regueiro informou que os dorsais se entregarán a partir das 10.00 horas do domingo, sendo a saída diante da igrexa parroquial de Amorín. A inscrición terá un custe voluntario de 3 euros na carreira absoluta e de 0,50 nas demais categorías.

Para máis información e inscricións pode visitarse a páxina avdamorin@gmail.com

(1)Gotas para Níxer é unha campaña de mobilización en favor da supervivencia infantil neste país africano, un dos máis pobres do mundo. Dende o 2008 Unicef promove a mobilización arredor do tema da auga potable, o saneamento e a hixiene. Este curso a campaña ten coma obxectivo levar auga potable a 50 escolas. Durante o 2016, a iniciativa ten mobilizado a máis de 2500 atletas en toda Galicia.