Aprobado financiamento europeo para un novo proxecto impulsado polo AECT Rio Minho: Rede Lab Minho O obxectivo de Rede Lab Minho é a formación dun laboratorio de políticas públicas transfronteirizas de carácter local

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020  INTERREG V A: Rede Lab Minho.

Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Minho – Rede Lab Minho é a denominación do proxecto, que se enmarca no eixo 4 do  Interreg de mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza e no obxectivo temático 11 de mellora da capacidade institucional das autoridades públicas e as partes interesadas e a eficiencia da administración pública, que supón un investimento de 345.396 euros, do cal un 75 por cento está cofinanciado por fondos FEDER.

O obxectivo de Rede Lab Minho é  a constitución e dinamización dunha Rede de cooperación e observación das dinámicas locais transfronteirizas, o apoio a experiencias de cooperación locais entre as diferentes eurocidades do Miño (Tui-Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao) así como entre outras vilas parellas transfronteirizas como A Guarda-Caminha, Arbo-Crecente-Melgaço ou As Neves-Monçao que, aínda que non están constituídas como eurocidades, manteñen relacións de cooperación grazas aos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho, nos que participan o AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, explicou que este novo proxecto “vai contribuír ao fortalecemento da cooperación a nivel local entre os concellos galegos e portugueses ribeiros do río Miño, mediante a creación dunha rede cooperativa tanto institucional como social, a nivel local transfronteirizo”.

Rede Lab Minho persegue acadar como resultados, no período de execución do proxecto previsto entre abril de 2019 e decembro de 2021, a creación dunha rede de gobernanza transfronteiriza co obxecto de pór en funcionamento políticas públicas de benestar da cidadanía; a capacitación, información e sensibilización das estruturas locais de cooperación transfronteiriza (bilaterais) para acadar un maior grao de cooperación territorial;  aproximar institucionalmente os modelos de gobernanza dos bens públicos á cidadanía para chegar á integración conxunta de actividades e iniciativas; e tamén a consolidación do AECT Rio Minho en termos de capacidade de cumprir os seus obxectivos fundacionais e de creación de novas sinerxías transfronteirizas.

 

Smart Minho e Visit Rio Minho

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.

Foto: workshop organizado pola Eurocidade Tomiño-Cerveira durante a última Mostra de Cultivos de Tomiño.



X