As actividades de verán do Concello de Tomiño suman máis de 620 inscricións O campus mixto de fútbol e o campamento urbano científico contan xa con poucas prazas dispoñibles para inscribirse

As actividades ofertadas polo Concello de Tomiño de cara ao verán  (meses de xullo, agosto, setembro e outubro) suman a día de hoxe máis de 620 inscricións por parte da mocidade e dos máis pequenos e pequenas. As disciplinas deportivas de pádel, tenis, fútbol feminino e skate xa pecharon o periodo de inscrición. Porén, aínda quedan prazas dispoñibles para o campus mixto de fútbol e o campamento urbano científico, ademais das restantes actividades.

Tras dous anos de pandemia, retómase o obxectivo do Concello de garantir á mocidade e aos nenos e nenas actividades de carácter lúdico, educativo e deportivo. A oferta de 451,5 horas de formación e desfrute foi recibida con éxito por parte da cidadanía, cunha gran demanda dos cursos e eventos ofertados. Entre as disciplinas máis requeridas encóntranse o campus de fútbol mixto (99 inscricións), o campamento urbano científico (97), tenis (55), piragüismo e campamento musical (ambas con 47). Así e todo, unha vintena de posibilidades compoñen a oferta (7 campus e 2 cursos deportivos, outros 4 cursos e eventos para a mocidade; 3 obradoiros e 2 campamentos).

Concretamente, ademais das xa mencionadas con prazas dispoñibles ofértanse un campus de bádminton e de atletismo, ioga integral para nenos e nenas, un curso de fotografía, un obradoiro de vídeo mapping e de canto (Operación Triunfiño en Tomiño), un curso de iniciación ao lettering, un obradoiro de robótica, un evento de gaming e a actividade “Constrúe o teu Futuro”, con metodoloxía lego® serious play®.

Para poder participar nestas actividades, todos os e as menores de idade precisarán autorización materna, paterna ou do titor/a legal.

A Concellería de Participación Infantil e Mocidade, que dirixe Fátima Rodríguez, prevé bonificacións para diferentes casos; por exemplo, para os nenos e nenas empadroadas en Tomiño que sexan irmáns e participen xuntos/as na mesma actividade (bonificación a maiores de 5 euros por cada neno/a); persoas que sexan voluntarias do Concello (bonificación do 50% en todas as actividades), ou socios e socias da Agrupación Musical de Goián (bonificación do 50% no campamento musical).

Pola súa parte, as persoas que entreguen informe favorable do Departamento de Servizos Sociais do Concello terán unha bonificación do 50%, ou ben, dereito a asistir de xeito gratuíto a todas as actividades que se ofertan na campaña de deportes de 2022.