As comunidades de montes demandan unha simplificación dos permisos de corta na zona demarcada polo nematodo A Asociación Forestal de Galicia, que vén de manter un encontro en Tomiño con comunidades de montes socias, emprazou á Xunta a axilizar a corta de árbores queimadas ou decaídas, que son un risco para a expansión da praga

O sector forestal está preocupado polos retrasos que se producen con frecuencia na corta de piñeiros secos, decaídos ou queimados que están na zona demarcada polo nematado. Estas árbores, que poden favorecer a expansión da praga do nematodo, deben cortarse con urxencia tras a súa detección, pero a burocracia está a retrasar parte das cortas durante varios meses.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que vén de reunirse esta fin de semana en Tomiño con comunidades de montes socias, constatou a inquedanza dos comuneiros por esta cuestión. O problema céntrase naqueles montes que teñen afeccións de organismos como Patrimonio, Confederación Hidrográfica ou Estradas, pois neses casos, incluso para proceder á corta dunha única árbore seca ou decaída precísase dun permiso específico do correspondente organismo, que en ocasións tarda meses en contestar.

Nunha recente reunión que houbo en Pontevedra da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo, na que participa a AFG xunto con outras asociacións do sector, trasladóuselle en conxunto á Xunta a necesidade de simplificar as cortas na zona demarcada, pois debe prevalecer a necesidade de control e erradicación da praga fronte a outros criterios. Esta axilización podería ir acompañada de condicionamentos xenéricos que garantisen as proteccións que correspondese en cada caso (Patrimonio , augas, etc.). A Xunta comprometeuse a estudar a cuestión, na busca dunha posible solución.

Axudas para silvicultura na zona demarcada
Outra das peticións que o sector forestal lle trasladou á Xunta na Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo foi a posta en marcha de axudas para a silvicultura na zona demarcada polo nematodo. A este respecto, Medio Rural

confirmou que está a traballar nunha orde de axudas específicas para a zona demarcada, que abrangue todo o sur da provincia de Pontevedra, e para a zona tampón en Ourense, que inclúe unha franxa de 20 quilómetros na fronteira con Portugal.

A Asociación Forestal de Galicia considera prioritaria a convocatoria destas axudas para potenciar a correcta silvicultura nas masas de coníferas, de xeito que se mellore a súa sanidade con desmestas, podas e coa eliminación das árbores sintomáticas directamente pola propiedade, triturándose os restos de cortas e podas cunha máquina de martelos.

Movemento de madeira con Portugal
Outra cuestión que se aclarou na reunión da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo é que mantense a autorización de movementos de madeira en rolla a Portugal, é dicir, os piñeiros cortados na zona demarcada poden ser vendidos a industrias transformadoras ubicadas en Portugal, pois ao ser todo Portugal zona demarcada polo nematodo, esa rolla non sairía dunha zona demarcada.

Distinto é o caso da madeira xa aserrada e transformada, pois nese caso precísase que toda a madeira sexa sometida a un tratamento térmico para eliminar calquera posible presenza de nematodos, de xeito que obteña o pasaporte fitosanitario que permita a súa comercialización.

A Asociación Forestal de Galicia, por último, sinaloulle á Administración a necesidade de activar campañas de comunicación que informen ós propietarios de xeito axeitado sobre as medidas que hai que tomar para a prevención da expansión da praga do nematodo.

Fonte: Asociación Forestal de Galicia.