As ‘II Xornadas Amizade’ reflexionarán sobre o traballo da Eurocidade e o futuro da cooperación transfronteiriza As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas por streaming a través da web da Eurocidade

A Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal, desenvolveu ao longo dos últimos anos varias accións para potenciar un desenvolvemento sustentábel do territorio, con repercusións positivas na mellora da calidade de vida e da cohesión social da poboación; no reparto e optimización dos equipamentos e servizos públicos de utilización colectiva e dos recursos humanos e económicos, nun programa de cooperación con vocación de futuro.

Desde 2014, a Eurocidade Cerveira-Tomiño ten vindo a afondar e a consolidar as relacións institucionais, a través dunha programación e xestión conxunta, e coa participación de máis de 10.000 persoas nas distintas accións e actividades organizadas con vista á formulación de solucións comúns para problemas comúns.

Para a conclusión do proxecto, o vindeiro 23 de outubro terán lugar as II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no Auditorio do CAE (Centro de Apoio ás Empresas en Cerveira), co propósito de realizar un balance dos resultados acadados, mais tamén reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza.

Dado o actual contexto de pandemia por mor da COVID-19, o evento será retransmitido por streaming e só será posible o acceso na sesión da tarde para ponentes, institucións, entidades convidadas e prensa acreditada.

Destaca no programa a sesión final que tratará da “Europa sen fronteiras: O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo”, que prevé a participación, entre outras autoridades, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo canda a Ministra portuguesa de Cohesión Territorial, Ana Abrunhosa, e a Comisaria Europea de Cohesión, Elisa Ferreira.

As conferencias e mesas de debate serán retransmitidas por streaming a través da web da Eurocidade (https://eurocidadecerveiratomino.eu).

Programa completo:

V6_2ª_xornadas_amizade_programa provisorio_GAL