As máis de 50 obras do Certame de pintura Antonio Fernández 2019, poden visitarse na Fundaçâo Bienal de Arte de Cerveira, até a semana próxima A mostra inclúe as tres obras premiadas e ofrece a posibilidade de contactar cos autores

As máis de 50 obras do Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández 2019, poden visitarse na Fundaçâo Bienal de Arte de Cerveira, até a semana próxima. A mostra, prevista inicialmente so para esta semana, inclúe as tres obras premiadas, estando a disposición das persoas interesadas o contacto dos autores dos traballos, para posibles compras.

      

O sétimo certame de pintura ao aire libre tivo lugar en Goián e Vila Nova de Cerveira o 18 de agosto pasado, dando a  oportunidade a disfrutar da arte de pintores cunha longa experiencia nesta modalidade e tamén de novas figuras procedentes de varios puntos da Península e Estranxeiro.

O Certame naceu no ano 2012 froito da programación do “Ano Antonio Fernández” iniciándose así unha andaina que a día de hoxe móstrase como unha cita cultural suficientemente consolidada. Como novidade, este ano o evento ampliou o seu percorrido a Cerveira, formando parte da programación Eurocidade Cerveira-Tomiño e grazas á participación da Fundación da Bienal de Arte. Deste xeito, ambas vilas, Goián e Cerveira, foron retratadas polos ollos dos artistas que visitaron ambos os dous municipios fronteirizos.

As obras premiadas foron unha vista de Cerveira dende a praia fluvial de Goián, de Rafael Carrasco (Toledo) que se fixo co primeiro galardón. O segundo e terceiro premio foron para Leticia Gaspar (Bilbao) e para Antonio Lorenzo (Mondariz). O 1ºpremio estivo dotado con 1.500€ e financiado polo Concello de Tomiño, mentres que os dous seguintes (2º e 3º) con 500€, custeados pola Comunidade de Montes de Goián e pola Fundación da Bienal de Cerveira, respectivamente.

O Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández integra as actividades desenvolvidas pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, no ámbito da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto  cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, con fondos FEDER da Unión Europea.

Datas da exposición: 27 de xullo a 7 de setembro de 2019

Horario:

martes a venres (terça a sexta-feira): 15h00 a 19h00

sábados e festivos: 11h00 a 13h00 – 15h00 a 19h00