As persoas maiores de Tomiño recomendan “traballo, educación e respecto” ás xeracións novas A campaña foi pensada para difundila, sobre todo, nas redes sociais co obxectivo de promover a interrelación entre a mocidade e outros grupos de idade

Tomiño quere por en valor a sabedoría dos seus maiores e promover na mocidade un cambio de actitude cara á mal chamada terceira idade. A oficina municipal da información xuvenil (OMIX) desenvolveu unha campaña coa participación das persoas usuarias de dous dos centros que hai na vila: “Centro Siempre Cuidándote” (parroquia de Sobrada) e Centro de Día (barrio da Rocha). 

“Dende a OMIX de Tomiño, servizo dirixido á mocidade de 12 a 35 anos, queremos facilitar información positiva sobre a xente maior, favorecendo o seu protagonismo en actividades sociais e fomentando a relación interxeracional; queremos tamén conseguir mellorar a autoimaxe dos maiores, fomentar as súas relacións sociais e a súa calidade de vida, e incluso levar á mocidade a pensar sobre a súa propia vellez”, explican desde a oficina, agradecendo especialmente a colaboración das educadoras sociais das entidades participantes.

A campaña foi pensada para difundila, sobre todo, nas redes sociais co obxectivo de promover a interrelación entre mocidade e persoas maiores institucionalizadas, cun nivel de deterioro leve ou moderado.

“Os nosos e as nosas maiores creceron nun mundo que é diferente ao noso, pero existen sentimentos esenciais e universais que permanecen. Por que non preguntarlles e escoitarlles, entón? As persoas anciás son unha gran fonte de coñecemento, baseada nas experiencias vividas. A mocidade que saiba aproveitar isto, accederá a unha chea de coñecementos”, comentan os organizadores.

No proxecto participaron máis de 20 persoas maiores que escribiron frases dirixidas á mocidade, con recomendacións, suxestións e consellos para aproveitar máis e mellor a vida; estudar, coidarse e desfrutar.

“Que traballen moito e sexan educados e boas persoas”, di Juana Vieira, 95 anos, na súa carta. Margarita Conde (84 anos), en cambio, recomenda “estudar para ter un futuro mellor e formar un fogar de respecto, traballo, saúde e bos modais”.

Que sexan humildes, que aforren cartos e que se divirtan coa mascarilla, son outros dos sabios consellos que as avoas e avós de Tomiño fan chegar á mocidade. Luz (87anos) desexa aos mozos e mozas que “teñades unha persoa que vos coide cando sexades maiores”.