As peticións sociais materialízanse no edificio da futura Biblioteca Municipal A cidadanía coñeceu de primeira man o proxecto definitivo de construción, que terá un custe de 1,8 millóns de euros

Será a “materialización física nun edificio das peticións sociais e das necesidades recollidas polo Concello”. Así definiu o arquitecto Xavier Pousa o edificio da futura Biblioteca Municipal durante a presentación do proxecto definitivo tanto aos grupos de persoas que participaron de forma altruísta na definición do proxecto como á cidadanía en xeral.

Nun salón de plenos do Concello ateigado de público, Susana Rodríguez, a responsable do estudo, resumiu as necesidades detectadas pola poboación para o deseño e creación deste servizo municipal, que reclamaba unha biblioteca moderna, próxima, inclusiva, coeducadora, participativa, divertida ou dinamizadora, entre outras cousas. O propio arquitecto do proxecto, Xavier Pousa, debullou aos asistentes os pormenores da futura biblioteca, un edificio integrado na contorna “coa vocación de ser un dinamizador social e cultural da comarca” e a intención de “converterse nun polo de atracción local e comarcal”.

En pleno núcleo urbano de Tomiño, o edificio contará con un total de cinco alturas divididas nun sótano, na planta baixa, primeira e segunda planta e baixocuberta. No soto instalarase o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e distintas instalacións municipais. Na planta baixa estará situado o acceso á biblioteca, que tamén ocupará a primeira planta xunto co Espazo Memoria Tomiñesa. Esta primeira planta contará ademais cun xardín que sirva para dar máis luz e claridade ás instalacións ao tempo que oculta a medianeira.

Xa na segunda planta habilitaranse espazos para a Aula Cemit, para a Concellería de Cultura e para reunións. No último piso, baixocuberta, haberá espazos de usos múltiples e unha terraza exterior. A idea é dotar á biblioteca doutros servizos posibles como un observatorio astronómico ou un café libraría. A construción do edificio terá un custe de 1,8 millóns de euros, aos que haberá que sumarlle 275.000 euros para o equipamento previsto: 120 cadeiras, 8 sillóns, 8 postos de traballo, 7 mesas de estudo, 22 ordenadores, 5 proxectores multimedia, estantes, taquillas… entre outras necesidades.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou a importancia de estar cumprindo os prazos dun proxecto fundamental para o desenvolvemento do municipio. Este proxecto definitivo é a culminación de ano e medio de traballo que arrancou cunha diagnose inicial no que se estudaron 50 bibliotecas e cunha consulta aberta á cidadanía na que participaron 309 persoas representando a 53 entidades, centros e asociacións, 30 colectivos e 6 ámbitos sociais.