Baixo Miño e Norte de Portugal traballarán na profesionalización do seu agro Integraranse as bolsas de emprego de acuBam e da Escola Agraria de Ponte de Lima e estudiarase a implantación de novas modalidades formativas no IES Antón Alonso Ríos

A Eurocidade Cerveira-Tomiño rematou a súa participación na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño coa sensación do traballo ben feito e dos obxectivos cumpridos. A programación transfronteiriza específica nesta feira serviu como aglutinador de entidades, empresas, centros educativos, docentes, asociacións profesionais e público de ambas beiras do Miño, que traballaron man a man para “contribuír desde o programa de cooperación á dinamización da economía local transfronteiriza nun sector que dá emprego a máis de 3.000 persoas na contorna”. Un éxito que non sería viable sen a colaboración coa Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), entidade organizadora da Mostra xunto co Concello de Tomiño.

O traballo conxunto no workshop sobre oportunidades de formación e emprego no agro sentou as bases para enfocar o futuro do sector de xeito transfronteirizo, facendo unha diagnose das necesidades formativas e laborais, abordando necesidades e achegando solucións a todos os problemas que ata o de agora se atopaban. Así, a Mostra serviu para comezar unha dinámica estable de colaboración entre todos os actores implicados que arrancará coa posta en marcha de dous proxectos.

Colaboración

Por unha banda, xa se está a traballar na integración das bolsas de emprego agrario profesionalizado postas en marcha por acuBam e pola Escola Agraria de Ponte de Lima para así “facilitar a súa proxección e eficacia”. E, por outra, estase a estudar as posibilidades de implantación de novas modalidades formativas no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño contando coa colaboración das empresas para poder así non só mellorar a resposta ás demandas do tecido empresarial, senón tamén ofertar aos rapaces e rapazas unha saída laboral de futuro.

 

Ademais destas iniciativas, a colaboración activa da Eurocidade Cerveira-Tomiño con acuBam cristalizou na participación da propia asociación por primeira vez como entidade propia en Lusoflora, a feira do sector verde máis importante de Portugal, celebrada en Santarem o pasado mes de febreiro, e a colaboración por primeira vez na Mostra de Cultivos das agrupacións lusas Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental de Cerveira (ARA-Cerveira).

Polo de atracción empresarial

A Mostra de Cultivos serviu tamén para confirmar o “interese por impulsar a primeira Misión Comercial Inversa da contorna, que traerá á Eurocidade Cerveira-Tomiño a empresas españolas, portuguesas e doutros países de Europa no vindeiro mes de setembro”. O obxectivo desta misión comercial é contribuír ao posicionamento do sector agro do Baixo Miño e do norte de Portugal dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca, converténdoa en polo de atracción empresarial e abríndoa a novos mercados.

Con esta iniciativa facilitarase o achegamento de empresas locais a unha ampla gama de compradores profesionais de toda a cadea de valor do sector e fomentaranse as reunións entre empresas para formalizar acordos comerciais. A experiencia servirá ademais para coñecer a realidade empresarial noutros países e identificar fortalezas e debilidades do sector para competir nos mercados internacionais.

Esta Misión Comercial Inversa realízase no marco do proxecto ‘Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’ para o desenvolvemento sostible do territorio e a dinamización da economía local transfronteiriza. É un proxecto co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Xunto con acuBam actuarán como aglutinadores sectoriais para facilitar a misión as asociacións lusas APPPFN e ARA-Cerveira.

 



X