‘Barferencias’, recollida de lixo en kaiak ou a celebración do Día do Orgullo Agro LGTBI, actividades do programa de Voluntariado do Concello de Tomiño para 2018 Esta semana mantiveron unha reunión para avaliar a programación realizada ao longo deste ano e organizar as actividades de cara ao 2018

O programa de voluntariado do concello de Tomiño naceu no ano 2003 co obxectivo de ser unha referenza clara na organización de persoas que de xeito activo participen en distintas actividades municipais. Dende ese momento, 118 mozos e mozas colaboraron nas actividades de voluntariado local tomiñense.

Esta semana parte do grupo de voluntariado local reunise en instalacións do concello para aaliar a programación realizada ao longo deste ano e para organizar as actividades de cara ao vindeiro 2018, xa que a programación anual é deseñada de xeito conxunto a través da participación e cooperación real e efectiva.

O programa de voluntariado do vindeiro ano recolle accións tan dispares como a realización dunha campaña de adopción de cans e gatos en colaboración con protectoras de animais locais; a celebración do Día do Orgullo Agro LGTBI; ‘Barferencias’, charlas de carácter informal en bares e cafeterías sobre a posta en valor do medio rural e baseadas no emprendemento social e diferentes actividades relacionadas coa igualdade de xénero.

Ademais, os voluntarios e voluntarias participarán na conmemoración do Día das Letras Galegas e un concurso de deseño dunha camiseta relacionada co 17 de maio, na recollida de lixo en kaiak,  na creación dun club de lectura, nun faladoiro de inglés e na elaboración dun blogue e/ou unha web de voluntariado.

Lucía González foi a primeira voluntaria en darse de alta no servizo o 29 de xuño de 2004. Dende entón ademais do voluntariado local, a OMIX acadou no 2012 a acreditación como entidade de acollida e envío de Servizo de Voluntariado Europeo en en xuño dese mesmo ano 5 mozos e mozas participaron nun intercambio na República Checa e en setembro de 2012 Tomiño recibía ás primeiras voluntarias europeas dentro deste programa, Marin de Estonia e Iwona de Polonia. Despois de varios intercambios internacionais, no ano 2016 a través dun convenio Erasmus PLUS asinado cunha universidade alemana Anja Heinz realizou as súas prácticas durante tres meses en Tomiño e este ano asinouse un novo convenio con esa universidade para acoller a Jessica Schröder. En canto ao de voluntariado local, Paloma Bravo foi a última moza en darse de alta no programa o pasado 24 de outubro.

Os mozos e mozas interesados en recibir máis información deberán contactar coa OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil).