BO BALANCE PARA OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANUEL OCHOA NA COPA DO MUNDO DE SLÁLOM EN CRACOVIA Do 17 ao 19 de xuño disputouse na cidade polaca de Cracovia unha Copa do Mundo de Slálom. Como parte do equipo nacional, os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís Fernández e Manuel Ochoa participaron no evento

O salcedán Luís Fernández foi un dos tres representantes españois en canoa ou C1. O venres pola tarde,  loitou por acadar un posto nas semifinais, non o conseguiu a primeira, pero si na repesca. Na mañá do domingo fixo unha baixada en semifinais moi boa, pero dous toques nas portas 19 e 20 deixárono ás portas de acadar a final. Rematou a copa do mundo nun meritorio décimo sexto lugar.

O tomiñés Manuel Ochoa tivo dobre participación en caiac, na modalidade tradicional de K1 e en extremo. Na mañá do venres, en K1, foi quen de meterse nas semifinais na primeira rolda. Ao día seguinte intentou acadar unha das dez prazas de finais, comezando a baixada con moi bo pé, pero un erro nunha das portas e un toque noutra, fixo que perdera uns segundos, quedando lonxe das finais. Rematou a copa na trixésimo cuarta posición.  Ese mesmo sábado pola tarde participou na contra-reloxo para poder estar entre os 32 seleccionados para cuartos de final. Conseguiu o sétimo posto, a apenas segundo e medio do primeiro. Na tarde do domingo superou os cuartos de final gañando a súa serie pero non as semifinais. Rematou a copa de slálom extremo décimo terceiro.

Tanto Luís como Manu, xa están de camiño a Tacen, Eslovenia, onde disputarán a seguinte Copa do Mundo.

Informa: Rosa Fernández Carrera.