Catorce xeitos de mergullarse na natureza cos obradoiros da Feira de Cultivos do Baixo Miño

Catorce xeitos de mergullarse na natureza cos obradoiros da Feira de Cultivos do Baixo Miño

Catorce xeitos de mergullarse na natureza cos obradoiros da Feira de Cultivos do Baixo Miño

Aberta a inscrición para participar nos obradoiros, que se desenvolverán do 8 ao 10 de maio a un prezo simbólico

Aprender a cultivar, crear, enxertar ou mesmo construír pequenos ecosistemas está agora ao alcance de toda a veciñanza. A  Feira de Cultivos do Baixo Miño abre a inscrición para participar nun completo programa de 14 obradoiros que converterán a Goián nun espazo de aprendizaxe práctica e creativa arredor do sector verde.

As propostas, cun prezo simbólico, desenvolveranse durante a fin de semana da feira e abranguen disciplinas moi diversas. O venres abrirá o programa cun obradoiro de deseño de xardíns con Martín Toimil (IaND30), cultivo de rosais con Cristina Hernández (Casaplanta), enxertos con Uxío Mete (IES Antón Alonso Ríos) e xabóns naturais con plantas da man de ETL Xaruma.

O sábado será a quenda do cultivo de cogomelos con MycoGalicia Plantae, poda con Afonso Touceda, estampación ecoprint con Las Flores de Greta, terrario microcosmos con Damajuana Greens & Beans, que tamén impartirá un obradoiro de kokedamas, e de bonsais con Ignacio González Rivas.

O domingo pechará o ciclo cunha dobre proposta de arte floral e natureza: ramo natural e arte floral con Beltane Estudio Floral, que tamén ofrecerá un obradoiro de flor seca, e dúas actividades dirixidas ao público infantil centradas na creación de hoteis para insectos e bombas de sementes, impartidas por Biophilia Axencia Ambiental. No taller de hoteis de insectos as nenas e nenos participantes deberán ir acompañados dunha persoa adulta, mentres que no de bombas de sementes poden ir sos a partir dos 6 anos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resaltou o éxito que ten cada nova edición a programación de obradoiros, unha forma achegar coñecemento práctico á veciñanza e de seguir facendo da Feira de Cultivos “un espazo onde aprender facendo, onde a xente poida descubrir novas formas de relacionarse coa natureza e co sector produtivo da nosa contorna”.

Pola súa banda, a presidenta de acuBam, Nuria Castro, tamén subliñou a resposta positiva dos talleres, que cada ano innovan en temática repetindo os que teñen sempre unha alta demanda. “Cada edición vemos máis interese e máis participación. Estes obradoiros son unha oportunidade para conectar o público co traballo real do sector, con profesionais que transmiten coñecemento dun xeito próximo e accesible”, asegurou.

Concello e acuBam destacan que esta programación formativa reforza o carácter divulgativo da Feira de Cultivos do Baixo Miño, consolidándoa como un referente non só comercial, senón tamén educativo e de divulgación do sector verde en Galicia.