Catrocentos escolares de educación infantil de Tomiño e Cerveira visitan unha granxa-escola A Eurocidade promove deste xeito a educación ambiental no ámbito estudantil

Por iniciativa das Asociacións de Pais e Nais dos centros escolares de Vila Nova de Cerveira) e Tomiño, e co apoio da Eurocidade Cerveira-Tomiño, todo o alumnado de Educación Infantil de ambos os dous concellos visitaron na segunda quincena de novembro, a Granxa Escola Musical “Corazón de Carballo”, sita no barrio de Vilar (Tomiño).

Esta interesante actividade transfronteiriza é un dos proxectos gañadores nas votacións da última edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) e ten coma fin, promover a convivencia entre nenos e nenas de Galicia e Portugal, compartindo educación en valores relacionados coa preservación da natureza. 

Así, entre o 18 e o 28 de novembro, grupos mixtos de alumnado galego e portugués, de entre 3 e 6 anos, coñeceron as diversas áreas dunha granxa escola: os espazos das aves (pavos, faisáns, varias especies de galiñas, codornices ou patos) e doutros animais, coma ovellas, cabras ou ponis

Ao mesmo tempo, os escolares tomaron contacto cas técnicas de compostaxe orgánica; aprenderon sobre insectos, horta e coñeceron un hospital de plantas. Foron concretamente sete sesións de 6 horas de duración, nas que participaron todos os centros de Educación Infantil de Cerveira e Tomiño, cun profesorado que colaborou activamente na organización das visitas.

A concelleira da Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, salientou o feito de que “máis aló da visita en si e os coñecementos adquiridos polos escolares, valoramos moi positivamente a experiencia de convivencia dos grupos dun e outro lado da fronteira, contribuíndo á eliminación de barreiras culturais e idiomáticas entre eles”.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, é unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Nestes días e ata o 15 de decembro está aberta unha nova votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo para elixir dous novos proxectos a desenvolver en 2020.