CCOO presenta un plan de transporte en tren para a comarca do Baixo Miño O sindicato presentou á alcaldesa e presidenta da mancomunidade un modelo que responda ás necesidades sociais e económicas do territorio

O sindicato Comisións Obreiras (CCOO) presentou onte no Concello de Tomiño un plan de transporte en tren para a comarca do Baixo Miño, co que pretende crear unha rede que responda ás necesidades territoriais e favoreza o desenvolvemento económico da zona. O plan está especialmente destinado ás poboacións que se interrelacionan con Portugal e que carecen dunha conexión directa coa liña de ferrocarril.

Así pois, o proxecto integraría unha Rede de Cercanías Transfronteiriza entre Viana do Castelo (Portugal) e Vigo, e daría servizo a máis dun millón de persoas, con trens eléctricos e frecuencias xestionadas eficientemente. Deste xeito potenciaríanse simultaneamente as comunicacions intermodais dos municipios do Miño con liñas ferroviarias lusas, corredor Atlántico e servizos de Longa Distancia e AVE.

Antón Conde, Secretario Xeral do Sector Ferroviario en Pontevedra, esbozou ante a alcaldesa e presidenta da Mancomunidade do Baixo Miño (Sandra González) e o concelleiro de Facenda, Planificación Estratéxica e Acción Urbana (Uxío Benítez), as principais liñas de actuación previstas para mellorar as instalacións ferroviarias e as conexións por tren de viaxeiros, viaxeiras e mercadorías para os próximos anos. Todo isto tendo en conta, en palabras de Conde, que a oportunidade que presentan os recursos europeos para favorecer a mobilidade require de propostas que partan das necesidades locais e involucren ás empresas.

A alcaldesa, pola súa banda, manifestou a súa satisfacción ante a proposta do sindicato, lembrando a súa preocupación mantida no tempo polo tema da comunicación terrestre a través de trens que poidan servir aos municipios transfronteirizos, como Tomiño e Cerveira (que conta con estación ferroviaria) para unir cidades como Vigo e Porto.