Cerveira e Tomiño convocan a un centenar de artistas ao 8º Certame de Pintura Antonio Fernández Celebrarase o domingo 16 de agosto de forma simultánea nas vilas fronteirizas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira

O evento internacional conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira

O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, por segunda vez.

O certame, que chega á súa oitava edición, celebrarase o domingo 16 de agosto de 2020, cunha novidade moi importante: ábrese a participación a menores de 18 anos, con dúas novas categorías: xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos).

Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar ao realizar a súa inscrición en https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/ . O procedemento e a técnica de pintura serán libres.

A obra deberá realizarse in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías).

A inscrición será gratuíta e farase ata o 12 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na web e por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19 a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online. Non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame.

Outra novidade é que por primeira vez haberá limitación de prazas, dispoñéndose dun centenar de lugares, repartidos da seguinte maneira: 25 prazas modalidade infantil (6 a 12 anos); 25 prazas modalidade xuvenil (13 a 17 anos), e 50 prazas categoría adulta (a partir de 18 anos).

As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián – Tomiño, co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.