02 Mar Cerveira e Tomiño presentan unha guía para promover un maior coñecemento sobre o sector do turismo local No mesmo acto darase a coñecer unha APP para o turismo accesible, proposta da Escola Superior Gallaecia, ACAPO e Asociación Vontade
Cerveira e Tomiño presentan o vindeiro martes 3 de marzo, unha guía para promover un maior coñecemento sobre o sector do turismo local e dinamizar o potencial económico da Eurocidade.
Trátase do resultado de meses de traballo conxunto; unha guía sectorial que recolle os principais recursos naturais, culturais e patrimoniais de ambos os municipios.
Simultaneamente á presentación do libro, darase a coñecer unha APP para o turismo accesible, proposta da Escola Superior Gallaecia, ACAPO (Associação dos Cegos e Amblíopes de Portugal) e a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, que resultou gañadora na edición 2018 do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), e que pretende cartografiar a accesibilidade dos recursos turísticos da Eurocidade, para facilitar, tanto as visitas de persoas con mobilidade condicionada, como as actuacións inclusivas de sociedade e institucións.
Para facilitar a organización do acto, as persoas interesadas débense inscribir previamente cubrindo o formulario que atoparán no seguinte enlace: https://docs.google.com/forms/d/1tkd13B1ttbN7ygMMUvFL04QXHFZ2CMRsAfCIgjWupEc/viewform?edit_requested=true
Programa (martes 3 de marzo de 2020)
Eurocidade Cerveira-Tomiño
FERRAMENTAS DE APOIO AO TURISMO TRANSFRONTEIRIZO
Presentación de Guía do sector e dunha APP para un turismo accesible
10:30h Visita guiada à Aula Museo Antonio Fernández (Goián)
Transporte en bus ata o Museu Bienal de Cerveira
Museu Bienal de Cerveira
11:30h Coffee-Break
12:00h Presentación da Marca Rio Minho. María Vence. Comunicación proxecto Visit Rio Minho
12:15h Presentación da APP para un turismo accesible. Proxecto gañador no Orzamento Participativo Transfronteirizo OPT 2018. ES Gallaecia, ACAPO e Asociación Vontade
12:45h O transfronteirizo como valor turístico
– Goretti Silva. Instituto Politécnico Viana do Castelo
– Valerià Paül. Director Fundación CEER (Centro de Estudos Euro Rexionais)
13:30h Presentación da Guía sobre o sector turístico na Eurocidade Cerveira-Tomiño
13:45h Clausura
– Sandra González, alcaldesa de Tomiño
– Fernando Nogueira, presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira
Transporte en bus ata Goián
Estas accións enmárcase na Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, cofinanciada ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Con esta iniciativa, Vila Nova de Cerveira e Tomiño, sintetizan meses de traballo conxunto para mellorar a divulgación e promoción da competitividade do sector turístico. Técnicos municipais de turismo, desenvolvemento local e cooperación transfronteiriza; representantes do empresariado local; asociacións cívicas, comerciais e culturais e representantes da Eurocidade, celebraron desde finais de 2018, reunións de traballo e unhas xornadas con participación de diferentes actores turísticos para avanzar nunha diagnose común das potencialidades e necesidades do turismo no territorio.
O proxecto propiciou tamén, o pasado mes de xullo, unha demostración culinaria da recoñecida chef Toñi Vicente para a promoción do Mercado de Tomiño. Todas estas actividades incluíron diferentes experiencias turísticas no territorio, como visitas ao Castelo de Cerveira, a adegas, viveiros, ou navegación fluvial. Nesta ocasión, os participantes realizarán unha visita guiada á Aula Museo do pintor Antonio Fernández en Goián.
Nos traballos desenvolvidos, salientouse o río Miño, a singularidade fronteiriza e actividade no sector agrario, cos viveiros e adegas que desenvolven a súa actividade na comarca, como principais valores territoriais da Eurocidade para achegar á cidadanía un programa turístico transfronteirizo.