16 Set Cerveira-Tomiño revalida o seu título das olimpíadas senior por quinta vez O encontro reuniu en Monção a preto de 400 participantes de equipos de todos os concellos do Alto Miño, Salvaterra de Miño e Fornos de Algodres e da APPACDM de Viana do Castelo
O equipo transfronteirizo Cerveira-Tomiño conquistou por quinto ano consecutivo o trofeo Olympics4All ao abeiro das oitavas olimpíadas senior, que reuniron a pasada semana en Monção a máis de 400 persoas de todos os concellos do Alto Miño, Salvaterra de Miño e Fornos de Algodres e da Associação Portuguesa de Pais e Amigos do Cidadão Deficiente Mental (APPACDM) de Viana do Castelo.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, felicitou a todo o equipo da Eurocidade Cerveira-Tomiño pola súa gran fazaña e pola dedicación e esforzo realizados ao longo de todo o ano, adestrando dúas veces por semana de forma supervisada no Parque de Ocio do Castelinho nun encontro interxeracional e transfronteirizo no que os protagonistas son o deporte, a saúde e a convivencia.
Nesta nova edición das Olimpíadas Senior volveu destacar o reforzo de antigas e novas amizades e as experiencias compartidas, ademais dos innumerables beneficios para a saúde e o benestar, xa que o obxectivo principal é que as persoas maiores continúen practicando actividade física no seu día a día e incentiven a outras persoas a sumarse ao envellecemento activo.
Este evento, marcado sempre por un grande espírito deportivo e de convivencia, será organizado en 2015 polo concello de Valença.