Cinco autobuses sairán do Baixo Miño para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago

Cinco autobuses sairán do Baixo Miño para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago Máis de 300 persoas reservaron xa praza nestes buses que a Mancomunidade puxo a disposición da veciñanza para facilitar os desprazamentos

Máis de 300 persoas do Baixo Miño acudirán este domingo 12 de febreiro a Santiago de Compostela nos cinco autobuses que a Mancomunidade puxo a disposición da veciñanza da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública ante o continuo e progresivo desmantelamento da atención primaria ante a falta de dotación de persoal e medios.

De cada un dos concellos sairá un autobús que efectuará diferentes paradas para facilitar o transporte. Así, no Rosal o bus sairá do Calvario ás 09.30 horas e fará paradas no parque de Pías e na parada de autobús de San Xoán de Tabagón.

En Tomiño o autobús sairá tamén ás 09.30 horas do Auditorio de Goián e fará paradas nas marquesinas situadas nas estradas en Estás, Forcadela Miñoteiro, no torreiro de Carregal e Amorín.  Pola súa banda, en Tui o transporte sairá ás 09.30 horas da rotonda do Gadis e terá parada na rúa Ourense e en Alfonso I. Mentres, A Guarda terá parada única con saída ás 09.30 horas dende o Centro Cultural.

Os autobuses trasladarán aos veciños e veciñas ata unha zona próxima ao lugar de inicio da manifestación na Alameda de Santiago de Compostela. A hora e o lugar de regreso confirmarase no viaxe de ida.

Dende a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia e que, lonxe de mellorar tras a volta á normalidade, empeora cada vez máis atentando contra a calidade do servizo e, por tanto, contra a saúde dos veciños e veciñas.

Alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade animan a todos os galegos e galegas a saír a rúa a esixir unha sanidade pública de sanidade, trasladan o seu total apoio ás e aos profesionais da saúde e aseguran que seguirán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.