Cinco mulleres acaparan os premios do 8º Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández Un total de 38 participantes (32 adultos e 6 menores) presentáronse a concurso, elixindo para pintar distintos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa

Cinco mulleres fixéronse cos premios do oitavo Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández, celebrado onte en Goián (Tomiño) e Vila Nova de Cerveira e organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño. O primeiro premio foi para Paz Larrumbide Moreno, procedente do País Vasco. Veciña de Vitoria, Larrumbide (gañadora tamén da sexta edición do certame) pasa as súas vacacións en Baiona, facéndoas coincidir co evento artístico. Exviceconselleira de Vivenda no Goberno Vasco, Larrumbide dedícase á pintura de forma amateur dende hai tan só seis anos.

Nieves Castro Lara e Dorinda Garrido González foron as gañadoras do segundo e terceiro premio, respectivamente. A primeira, veciña de Betanzos (A Coruña) e a segunda, de Nigrán (Pontevedra).

Na categoría infantil, que se convocaba por primeira vez, o primeiro premio foi para Uxía Soto Costas e o segundo para Ángela Martín Bragado.

   

Un total de 38 participantes (32 adultos e 6 menores) se presentaron a concurso, elixindo diversos recunchos da vila goianesa e da súa veciña lusa. A procedencia dos artistas foi coma sempre, moi variada, presentándose xente da zona, pero tamén doutros puntos de Galicia, España e do estranxeiro, incluído Portugal. O tempo acompañou, xa que as previsións de chuvia agardaron até as cinco da tarde, cando a maioría tiña xa a súa obra rematada.

A entrega de premios e exposición dos cadros, prevista no interior da Fortaleza de San Lourenzo, fíxose finalmente no pavillón deportivo de Goián, sobre as sete da tarde e o acto estivo presidido pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen salientou o nivel acadado polo certame, tanto a nivel artístico, coma de participación. Estiveron presentes tamén as concelleiras de Eurocidade (Fátima Rodríguez) e de Cultura de Vila Nova de Cerveira (Aurora Viaes).

O xurado estivo composto por persoas do mundo da pintura, salientou tamén a constante evolución do certame que consideran totalmente consolidado. (1)

Os traballos exporanse dende mañá e até o domingo próximo no Centro Goianés (de 12.00 a 21.00 horas), pasando a semana seguinte á Bienal de Cerveira, onde estarán ao longo de sete días.

 

 

(1) Membros xurado adultos e infantil-xuvenil:

Xurado adultos:

1-Sandra González (alcaldesa de Tomiño)

2-Alfonso Freire (Espacio Cubo)

3-Aurora Viaes (vareadora Cultura Cerveira)

5-Henrique do Val (artista portugués)

6-Mané (Asociación Antonio Fernández)

7-Elena (Comunidad de Montes de Goián)

 

Xurado Infantil-xuvenil:

1-Pilar Alonso (artista viguesa e tomiñesa)

2-Magna Araujo (vicepresidenta da asociaçao de estudantes da escola EB2/3 de Vila nova de Cerveira)

3-Fernanda Araujo (artista portuguesa)

4- Carmen (representante do Consello da infancia e da adolescencia de Tomiño)

5- Fátima Rodríguez (concelleira de Eurocidade e Mocidade de Tomiño)