Cinco profesores e 37 estudantes franceses de Secundaria, pasan unha semana con familias tomiñesas

A alcaldesa, acompañada por varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, foi a encargada de acoller ao continxente

O Departamento de Francés do IES de Tomiño participa, unha vez máis, nun intercambio co país galo. Durante unha semana, 37 mozos e mozas da rexión Pays de la Loire, son acollidos en casas de alumnos/as do centro educativo, entre o 23 e o 29 de abril.

Acompañado polos seus anfitrións, o continxente foi recibido este mediodía no Salón de Plenos pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e varios concelleiros, entre eles os de Cultura, Cristina Martínez, e Deportes, Ismael Troncoso.

Na oportunidade, a rexedora local salientou os principais valores naturais e turísticos da vila, aproveitando para agasallar aos visitantes con libros e artesanía da terra.

Procedentes do centro Lycée Notre Dame de la Tourtelière de Pouzauges, un pobo da rexión Pays de la Loire, os estudantes teñen unha apretada axenda que lles permita coñecer a maior parte dos recursos naturais, turísticos e culturais da vila tomiñesa e os seus arredores.

A profesora do Departamento de Francés, Patricia Caride, explica que este é o sexto ano que se realiza o intercambio. Nestes días van visitar Baiona, A Guarda, O Grove, Santiago; van facer Paintball, e ademais van asistir a clase cos seus compañeiros. “Coma sempre, os rapaces están entusiasmados, e o intercambio supón para eles unha motivación para seguir estudando o idioma, ademais de darlle sentido real a todo o traballado na clase”, conclúe.

Pola súa banda, o alumnado de Francés do instituto tomiñés, viaxou a Francia do 11 ao 19 de marzo, visitando as cidades de Bordeaux, Nantes; o parque Futuroscope e asistindo a clases.

DSC_0015 (Copy)DSC_0020 (Copy) DSC_0017 (Copy)