Cine familiar, festivais e concertos entre as propostas culturais deste mes en Tomiño É preciso reservar praza chamando aos teléfonos do Concello ou enviando un correo electrónico ao Departamento de Cultura

O verán cultural de Tomiño oferta numerosas e atractivas actividades, entre as que destacan o cine familiar, o cine para persoas adultas e a música dos máis diferentes estilos.

A vindeira fin de semana haberá cine familiar ao aire libre, con “Zog y los doctores voladores”. Será o venres 9 de xullo ás 22.30h na Praza do Seixo. Recomendada para familias con nenos ou nenas a partir de 3 anos de idade, e con entrada de balde.

Ao día seguinte, sábado 10, celebrarase o terceiro “Festival Vaideson”. Organizado pola Asociación Cultural Escola de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio coa colaboración do Concello, este festival naceu coa idea de mesturar diferentes estilos musicais e promover a cultura galega en todos os ámbitos. Nesta ocasión contará co concerto do grupo Los Jinetes del Trópico, a partir das 21.30h e para todos os públicos. Praza do Seixo e entrada de balde.

O cine familiar ao aire libre continúa o venres 16 con “O apóstolo”, unha historia de terror, humor e fantasía. Na Praza do Seixo ás 22.30h para persoas a partir de 7 anos. Entrada gratuíta. E para rematar o ciclo, o venres 23 de xullo á mesma hora e lugar, “O bosque animado”, para todos os públicos e con entrada de balde.

A Escola do Rock de Paredes de Coura, nada en 2014 do icónico festival da mesma vila portuguesa, organiza todos os anos un tour con concertos reunindo no escenario a alumnado e profesorado. Organizado pola Câmara Municipal de Paredes de Coura e o Concello de Tomiño, este concerto terá lugar o martes 27 de xullo no auditorio do Espazo Fortaleza de Goián. A 1ª parte do concerto (40 minutos) comezará ás 20.00 horas e estará a cargo dun grupo da Agrupación Musical del Goián, recaendo a segunda parte na Escola do Rock Paredes de Coura, que actuará durante 60 minutos a partir das 21.00 horas. Este singular espectáculo será para todo público e con entrada gratuíta.

Pechando o mes, chegará o Concerto Pauliña (Paula Chaves); unhas das voces femininas con máis carácter e personalidade de hoxe en día en Galicia. A súa imaxe provocadora, a súa forma de ser directa, sinxela e achegada non deixa indiferente a ninguén. Será o sábado 31 de xullo a partir das 22.30 horas. Na Praza do Seixo, para todos os públicos e con entrada de balde.

Para todos os espectáculos é preciso reservar praza chamando aos teléfonos do Concello (986 62 20 01/03) ou enviando un correo electrónico ao Departamento de Cultura (cultura@tomino.gal).

Ana Isabel Fernández Carrera, concelleira de Cultura, explica que a normativa sanitaria esixe ter listado de todas as persoas asistentes. “Seguimos apostando pola cultura con todas as medidas de seguridade”, indica.