Comezan as “barferencias”, charlas de carácter informal, organizadas polo grupo de voluntariado local Todas as actividades terán lugar no primeiro andar do Mercado Municipal, de 12.00 a 13.00 horas. A idade recomendada para participar é a partir de 12 anos

INICIATIVAS EMPRENDEDORAS presentadas en formato “BARFERENCIA” e organizadas polo grupo de VOLUNTARIADO LOCAL

O grupo de voluntariado do concello de Tomiño pon en marcha un ciclo de BARFERENCIAS, charlas de carácter informal, que terán lugar na cafetería do mercado municipal, e se centrarán na posta en valor do medio rural e no emprendemento social.

A primeira destas “barferencias” terá lugar o vindeiro sábado, día 5 de maio, e versará sobre “a minaría e os montes”. Xosé Lois Vilar-Instituto de Estudos Miñoranos, será o encargado de falar sobre os riscos da minería para os montes, en especial nas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor.

Malia que está convidada a asistir a comunidade en xeral, en particular, os organizadores animan ao alumnado e ex-alumnado do ciclo superior de Forestais, do IES tomiñés, a participar de xeito activo.

A actividade continúa o día 12 de maio, cunha charla sobre a diversificación do aproveitamento do monte, a cargo da Comunidade de montes de Couso, que ten varios proxectos financiados a través do GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural) e que está a ter bos resultados na produción de cogumelos en árbores microrrizadas.

O 19 de maio tocará falar sobre innovación no agroalimentario; o calabizo (chourizo vegano de cabaza), unha iniciativa de tres mulleres que foi seleccionada nunha aceleradora de empresas.

As xornadas rematarán falando sobre asociacionismo e educación ambiental, coa mocidade de A Jalleira o 26 de maio. Esta é a iniciativa dun grupo de xente nova da comarca do Baixo Miño que organiza actividades de educación ambiental e de divulgación de iniciativas ao aproveitamento sostible do monte en Galicia.

A idade recomendada para participar nestas barferencias é a partir de 12 anos. Todas terán lugar na cafetería A MATA do Mercado Municipal, de 12 a 13h.