Comezan as obras de recuperación das rúas máis céntricas de Tomiño, coma espazo de lecer e encontro A actuación supón un investimento de 670.000 euros e conta cunha subvención da Deputación Provincial de 500.000

O Concello de Tomiño da un paso máis no proceso de transformación e recuperación do espazo público para as persoas no núcleo urbano do Seixo.

O proxecto do Concello de Tomiño “Mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo”, cun investimento total de 670.000 euros, vai  comezar este luns, 10 de febreiro, e prevese que estea rematado a finais do mes de xuño.

A iniciativa pretende aproveitar a mudanza na mobilidade de vehículos que supón a nova avenida que rodea o núcleo urbano, recentemente aberta, e que vai propiciar a eliminación de tráfico de paso, un 90% dos vehículos que antes pasaban polo centro da vila.

Así, o proxecto contempla a peonalización e ampliación da praza do Seixo, ata os tramos da rúa A Guarda e rúa República Arxentina, e ata o entronque coa nova avenida, reformando todos os servizos urbanos e mellorando o espazo público cun deseño semellante ao da Praza do Seixo.

A rúa A Guarda pasará a ter un deseño máis estancial e comercial, creando espazos de encontro e áreas con bancos, vexetación e iluminación con catenarias. A rúa República Arxentina, pola súa banda, configurarase como unha alameda de entrada á Praza do Seixo, desde a rotonda de entronque da nova avenida, que pasará a ser o principal punto de referencia e entrada de Tomiño. Nos dous casos colocarase iluminación de alta eficiencia enerxética e renovaranse todos os servizos (auga, saneamento, pluviais, canalizacións, etc.).

Para poder dar máis servizo aos veciños e veciñas, o Concello vén de ampliar un segundo aparcadoiro público gratuíto, duplicando o número de prazas de estacionamento.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, entende que esta obra significará un paso moi importante de mellora do espazo público, que irá en beneficio dos veciños e do comercio local, como xa supuxo a mellora da Praza do Seixo e do Mercado Municipal, no seu momento. “O goberno municipal quere que a nosa vila sexa exemplo de recuperación de espazos públicos para as persoas, creando máis 100.000 m2 de espazos peonis e zonas verdes”, explica.

Para a realización desta obra, o goberno foi quen de conseguir unha subvención de 500.000 euros, ao abeiro da convocatoria pública do Plan DepoRemse, da Deputación de Pontevedra, para o proxecto de remodelación, cun coste total de 670.000€, o que supón unha financiación do 75%, achegando o resto o propio Concello.