Comunicado ante a situación de risco en relación á gripe aviaria en aves Os propietarios de explotacións avícolas deberán inscribilas no rexistro administrativo

Desde finais do mes de xullo detectouse en varios países do leste de Europa a circulación de virus da influenza aviar de alta patoxenicidade (en diante IAAP) do serotipo H5N8 tanto en aves domésticas coma silvestres. É necesario sinalar en primeiro lugar que o serotipo H5N8 circulante non ten carácter zoonótico, é dicir non se transmite ás persoas nin lles produce ningunha enfermidade.

A detección destes virus neses países adoita significar un maior risco de aparición do virus en territorios situados cara o oeste nos meses seguintes, consecuencia fundamentalmente dos hábitos migratorios de aves silvestres, que son os vectores que habitualmente dispersan a enfermidade nos lugares de paso e asentamento invernal.

A actual situación epidemiolóxica supuxo un cambio na valoración do risco de aparición desta enfermidade en España, de xeito que á data actual considérase que existe un risco alto de detección do virus da IAAP nas zonas previamente determinadas como zonas de especial risco (ZER), e de risco moderado nas zonas determinadas como zonas de especial vixilancia (ZEV), así definidas na Orden APA 2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

As medidas establecidas na normativa de aplicación na actual situación de risco para os territorios incluídos en zona ZEV como é o caso de Tomiño, son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade ou un curral familiar para autoconsumo. As ditas medidas figuran ao final desta publicación, e están orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas con aves silvestres de calquera especie.

En relación á obriga para as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo en concellos de especial vixilancia, como é o caso de Tomiño, de inscribir o seu curral nun rexistro administrativo, a disposición da Consellería do Medio Rural, cómpre lembrar que a única finalidade deste rexistro e ter constancia da existencia do curral, por se fora necesario nunha situación de emerxencia sanitaria nas aves.

Este rexistro pode realizarse por diversas vías:

  • Na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), cubrindo o formulario MR 501A – Inscrición no rexistro de explotacións avícolas non comerciais. Xúntase modelo para o seu coñecemento e uso se o consideran. (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MR501A&ano=2015&numpub=1&lang=gl)
  • Nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellería do Medio Rural.
  • No propio concello para posterior traslado á OAC de pertenza.
  • Por calquera dos sistemas habilitados pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

MEDIDAS A APLICAR NAS EXPLOTACIÓNS AVÍCOLAS NOS CONCELLOS INCLUÍDOS EN ZONA DE ESPECIAL VIXILANCIA (ZEV) EN RELACIÓN Á INFLUENZA AVIARIA

  • Está prohibida a presenza de aves de curral en centros de concentración de animais (feiras, mercados gandeiros e similares).
  • Os titulares de explotacións avícolas non comerciais deben anotarse nun rexistro administrativo, no que figurará:
    • Identificación do propietario e enderezo da explotación.
    • Número habitual de aves e especie ou especies á que pertencen.
    • Sistema de cría: pechado (se nunca saen ao exterior), aberto (están permanentemente no exterior ou mixto (as aves saen ao exterior e dormen no interior).
  • Calquera sospeita de influenza aviaria nas aves da explotación deberá ser comunicada aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural directamente ou a través do veterinario da explotación se o tiveran. Igualmente no caso de sospeita en aves silvestres detectadas na explotación.

Ademais, recoméndase tomar as seguintes medidas:

  • Evitar criar parrulos, gansos ou ocas xunto con outras especies de aves de curral.
  • Evitar que as aves domésticas entren en contacto directo con aves silvestres e especialmente con aves acuáticas e dentro delas coas anátidas.
  • Protexer os comedeiros e bebedeiros evitando que accedan a eles as aves silvestres.
  • Evitar darlle de beber ás aves de curral augas ás que puideran ter accedido aves silvestres.
  • Protexer os depósitos de auga, impedindo que poidan acceder a ela as aves silvestres.
  • Non soltar ás aves de curral nos terreos mais próximos á beira das charcas, encoros ou pequenos humedais onde haxa presencia de aves silvestres migratorias, especialmente se son anátidas.
  • As persoas titulares e traballadoras de granxas avícolas comerciais que posúan tamén unha explotación avícola non comercial evitarán realizar visitas a unha e outra explotación sen previamente tomar as axeitadas medidas de bioseguridade, (lavado de roupa, lavado de mans…) especialmente se as aves do galiñeiro familiar teñen posibilidade de contactar con aves silvestres migratorias.
  • As persoas titulares ou traballadoras en explotacións e currais avícolas de calquera tipo, se realizan actividade cinexética de caza menor de aves, deben manter as citadas adecuadas medidas de bioseguridade unha vez finalizada a actividade cinexética, procurando no entrar en contacto coas aves domésticas da súa propiedade.

Como información complementaria infórmase:

  • As concentracións de outras aves distintas das de curral (aves ornamentais e similares) están permitidas pero poderán ser prohibidas pola Consellería do Medio rural, de acordo coa situación de risco en relación coa influenza aviaria.