Comunicado en relación ao alumeado do Nadal 2016

Dende o equipo de goberno do Concello de Tomiño emítese este comunicado, motivado polo malestar detectado nos últimos días por diversas canles de comunicación cidadá por parte de veciñas e veciños de Tomiño, así como de algúns establecementos e entidades asociativas, en relación ao alumeado de Nadal.

Dende o goberno local tratamos de manter unha escoita activa das demandas, opinións, inquedanzas e suxestións que veciños e veciñas expresan nos diferentes canles de comunicación nos que o Concello ten presenza. No relativo ao alumeado de Nadal, informamos que os elementos decorativos de Nadal instalaránse, como ven sendo habitual nos últimos anos, o vindeiro venres día 16 de decembro.

Lamentamos o malestar que esta cuestión está a xerar, se ben é importante salientar que a instalación do alumeado do Nadal deste ano non presenta un retraso en relación aos anos anteriores, sempre na semana despois dos festivos de decembro. Non obstante, e en base ao malestar detectado, valorarase para anos vindeiros adiantar a súa instalación.

Dende o Concello de Tomiño somos conscientes da importancia do alumeado do Nadal, tanto para o desfrute dunha época tan importante do ano por parte dos máis pequenos, como elemento dinamizador da actividade ligada ao comercio local.

A instalación do alumeado de Nadal supón un gasto importante para o Concello e consideramos importante sinalar que, se ben dende o equipo de goberno valórase a importancia destes elementos decorativos, creemos que non é, ou non debería de ser o máis importante nestas datas, nas que no noso concello moitas persoas e familias teñen dificultades para facer fronte aos gastos relacionados coas tradicións do Nadal por estar a atravesar unha situación de dificultade económica.

Axudar ás persoas de Tomiño, e en especial a aquelas que máis o necesitan, foi e seguirá sendo a prioridade deste equipo de goberno, que dende fai anos promove e inviste para asegurarse de que no Nadal en Tomiño, ningunha nena ni ningun neno quede sen recibir un agasallo.

Así mesmo, dende a Concellería de Cultura organizouse e publicouse, como anos anteriores, unha completa programación de actividades de Nadal, con xogos, teatro, música e maxia, que esperamos que supoñan unha oportunidade de vivir un Nadal especial, pasar bos momentos coa familia e as amizades, e gozar do noso concello.

Aproveitamos a ocasión para desexar a todas as persoas veciñas de Tomiño unhas moi felices festas.