Concello asina un convenio coa Fundación Manuel María para difundir a obra do poeta galego

Concello asina un convenio coa Fundación Manuel María para difundir a obra do poeta galego A través deste acordo, Tomiño acollerá na súa programación cultural a representación da obra gañadora do III Certame de Manuel María de Proxectos Teatrais

O Concello de Tomiño e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos veñen de asinar un convenio a través do que se o Goberno municipal se compromete a colaborar na difusión da obra do poeta galego. “Con esta iniciativa sumámonos a este fermoso proxecto posto en marcha pola fundación para continuar dando visibilidade a un poeta que destacou pola súa defensa da lingua e o seu compromiso político”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Así, a través deste convenio, Tomiño incluirá na súa programación cultural para o vindeiro ano 2024 a representación de ‘Auto do Castromil’, unha peza de Producións Teatrais Excéntricas baseada nunha obra homónima de Manuel María, a obra gañadora do III Certame de Manuel María de Proxectos Teatrais, convocado pola propia Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración co Centro Dramático Galego; as Mostras de Teatro de Ribadavia, Cariño e O Carballiño; deputacións e 33 concellos galegos, entre eles Tomiño.

Dirixida por Quico Cadaval e cun elenco composto por Víctor Mosquera, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez e Rocío González, o xurado decidiu por unanimidade concederlle este galardón por ser un proxecto “brillante e imaxinativo, recuperando propostas contidas no teatro de máscaras de Otero Pedrayo, un dos textos máis visionarios no deseño dun teatro de vangarda propiamente galego, cunha estética con capacidade de intervir na sociedade contemporánea recollendo os valores da obra de Manuel María que combina a vangarda coa cultura popular”. Ademais, destacou que a obra “presenta unha gran capacidade de chegar a un espectro de público moi amplo, incluído o público escolar, pola súa mestura de estilos, o xogo cos obxectos e os materiais, aventurando un espectáculo singular que promete poética e humor”.

Este certame de carácter bienal está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María que deberá estar en escena nun prazo máximo de 10 meses para despois estar en cartel dende o último trimestre de 2023 ata finais de 2024. Serán os concellos, mostras de teatro e deputacións as que se encargarán de financiar o espectáculo a través da diferentes programacións culturais. O proxecto contará coa coprodución do Centro Dramático Galego e cunha achega de 4.000 euros por parte da Fundación Manuel María.