Concello e IES Antón Alonso Ríos crean un programa de boas prácticas na convivencia escolar Este programa de habilidades sociais traballará co alumnado aspectos como o autocontrol ou a intelixencia emocional e establecerá un espazo no que abordar estes temas coas familias

Promover as boas prácticas en materia de convivencia escolar. Ese é o obxectivo principal do Programa de Habilidades Sociais, un programa que o Concello de Tomiño e o IES Antón Alonso Ríos porán en marcha para axudar aos mozos e mozas escolarizados neste centro educativo a reflexionar e traballar para mellorar a súa conducta. “Estamos preocupados pola educación dos nosos mozos e mozas e queremos facilitarlles ferramentas para mellorar as súas habilidades en comunicación e relacións sociais”, explica a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Ana Cristina Martínez.

Esta iniciativa vai levarse adiante a través da colaboración do Departamento de Orientación do IES Antón Alonso Ríos; do Programa de Educación e Apoio Familiar, posto en marcha polos Servizos Sociais do Concello de Tomiño; e a Asociación para o Desenvolvemento Infantil e Atención Familiar, que serán os encargado de traballar coa poboación escolar aspectos como o autocontrol, a intelixencia emocional ou as relacións e a comunicación social.

Pero dende o Concello enténdese a educación das nenas e nenos tomiñeses como algo integral no que se deben ver integrados todos os actores implicados, dende os centros educativos ou as familias ata as institucións públicas. Por este motivo, de xeito paralelo ao traballo co alumnado, o programa establecerá un espazo que se denominará Círculo de Confianza, no que os especialistas abordarán coas familias do alumnado participante solucións e estratexias para promover unha óptima integración social dos seus fillos e fillas.

Este programa xurde para dar resposta á necesidade de traballar por unha boa convivencia escolar e como froito da constante colaboración entre o IES Antón Alonso Ríos e o Programa de Educación e Apoio Familiar dos Servizos Sociais municipais, que traballan creando sinerxías para unha mellor integración de cara a acadar o éxito escolar do alumnado.