Imaxe do antigo consultorio de Goián, pechado ao inicio da pandemia. O consultorio reubicarase nun novo inmoble

Concello e Xunta traballan xa na reapertura do consultorio de Goián BNG e PP aprobaron de forma conxunta en pleno dar os pasos necesarios para reabrir este centro que leva pechado dende o inicio da pandemia

O Goberno local de Tomiño e a Xunta de Galicia xa están a traballar en firme para reabrir o consultorio de Goián, que leva pechado dende o inicio da pandemia. Este xoves en pleno o BNG votou a favor dunha moción presentada polo PP e aprobaron de forma conxunta dar todos os pasos precisos “para que a reapertura deste centro sexa inminente, xa que non só é unha medida que levamos demandando á Xunta e Sergas dende hai tempo, senón que é sobre todo unha necesidade para toda a veciñanza, que agardamos que en breve poida volver dispoñer deste servizo sanitario”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Despois de entrevistarse co xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, e ter o seu compromiso para devolver o médico a Goián, o Goberno municipal xa está a traballar na procura dun local que reúna as condicións técnicas necesarias para o seu uso como centro sanitario na parroquia.

O Concello sacará a licitación pública para aqueles inmobles que reúnan os requisitos que establece a Consellaría de Sanidade e que deberán incluír zonas para persoal médico, enfermaría, sala polivalente de técnicas e extraccións, sala de atención á ou ao paciente respiratorio, urxencias e persoal de administración.

O obxectivo é que o consultorio de Goián poida volver estar activo á maior brevidade posible, paliando parte da problemática sanitaria do municipio e revocando “unha medida que foi tomada de forma excepcional durante a pandemia para evitar contaxios e que se converteu en permanente”.