Construíndo Igualdade

O Concello de Tomiño organiza os obradoiros “Muller e Benestar: coidados, saúde e igualdade”, unha proposta centrada na promoción da saúde feminina e do autocuidado desde unha perspectiva de xénero.

Estas sesións buscan ofrecer información, reflexión e ferramentas prácticas para mellorar o benestar das mulleres, abordando diferentes aspectos relacionados coa saúde física, emocional e social.

📍 Lugar: Espazo Isaura Gómez
🕒 Horario: de 18:00 a 20:00 horas
📅 Datas: 11 e 18 de marzo

Durante o programa desenvolveranse distintos obradoiros temáticos:

  • Menopausa en positivo, abrazando o cambio
  • Trastornos do sono e descanso reparador
  • Autocuidado emocional e prevención das violencias machistas
  • Alimentación saudable para mulleres

Os dous primeiros obradoiros terán lugar no mes de marzo, mentres que os dous restantes se celebrarán no mes de novembro.

Menopausa en positivo, abrazando o cambio

Este obradoiro centrarase nos cambios físicos e emocionais asociados á menopausa, abordando cuestións como os sufocos, as alteracións do estado de ánimo, a saúde ósea e outros procesos propios desta etapa vital. Ofreceranse estratexias prácticas relacionadas coa alimentación, o exercicio físico, o coidado emocional e as distintas opcións de tratamento dispoñibles, co fin de facilitar unha vivencia máis consciente e positiva desta fase.

Pon o foco nas mulleres que por razón da súa idade, poden verse nunha situación de especial vulnerabilidade, padecendo unhas dificultades singulares motivadas pola súa condición, en tanto que menopausa é un proceso biolóxico que, pola falta de información e o estigma social, pode xerar vulnerabilidade física e emocional. Ao abordar os cambios de ánimo e a saúde ósea, estase atendendo a unha dificultade singular que afecta exclusivamente ás mulleres e que moitas veces é ignorada polo sistema sanitario tradicional.

Trastornos do sono e descanso reparador

Neste obradoiro realizarase un percorrido polos principais trastornos do sono e o seu impacto na saúde e na calidade de vida. Traballarase especialmente a hixiene do sono como ferramenta preventiva, incorporando unha perspectiva de xénero que teña en conta como a carga mental, os coidados e as responsabilidades diarias inflúen no descanso das mulleres.

No marco deste obradoiro ponse de relevo a relación directa existente entre a falta de descanso e a desigualdade na conciliación e na asunción de responsabilidades familiares. Fortalecer o descanso é fortalecer a capacidade das mulleres para recuperar o seu tempo propio.

Autocuidado emocional e prevención das violencias machistas

Esta sesión centrarase no benestar emocional como parte fundamental do autocoidado, abordando técnicas sinxelas de xestión das emocións, relaxación e fortalecemento persoal. Crearase un espazo seguro e acolledor no que as participantes poidan reflexionar sobre o seu propio benestar e identificar recursos que contribúan a unha vida máis equilibrada.

Este obradoiro terá un marcado enfoque de prevención de condutas machistas, a través da sensibilización e da formación.

Proximamente

Alimentación saudable para mulleres

Este obradoiro abordará a importancia dunha alimentación equilibrada adaptada ás distintas etapas da vida das mulleres, facendo fincapé nas necesidades nutricionais específicas, na prevención de determinadas doenzas e na relación entre alimentación, enerxía e benestar xeral. Ofreceranse pautas prácticas e sinxelas para incorporar hábitos saudables no día a día.

Non é só nutrición; é sensibilización sobre o autocoidado como ferramenta de empoderamento.

 

O espazo de intercambio final crea redes de apoio, o que se traduce en fortalecer o tecido social feminino de Tomiño, obxectivo transversal de calquera campaña de igualdade.

Proximamente