CONVIVE.COMigo volve a Tomiño na procura de persoas ou familias dispostas a axudar a adolescentes que teñan que cumprir unha medida de convivencia “CONVIVE.COMigo” é un programa promovido por ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra

Conseguir persoas ou familias que queiran convivir cunha persoa adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Esé é obxectivo de CONVIVE.COMigo, un programa promovido pola asociación ARELA e a Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, que chegou a Tomiño na procura de apoios de cara a colaborar na difusión do mesmo e así continuar nutrindo o banco de persoas ou familias do programa con núcleos de convivencia que abarquen diferentes puntos do territorio.

Na reunión mantida hai uns días, acordouse a colaboración do Concello de Tomiño na difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas no municipio. Anteriores campañas de difusión do CONVIVE.COMigo teñen espertado un grande interese entre a poboación, polo que a alcaldesa, Sandra González, agarda que a presente campaña obteña de novo resultados positivos: “a veciñanza tomiñesa sobresae polo seu compromiso e pola súa solidariedade e estou convencida de que moitas familias quererán sumarse de novo á iniciativa de Arela e da Xunta e cooperar na presente edición de CONVIVE.COMigo”.

O programa busca familias ou persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por unha persoa adolescente con dificultades que, a través dun ambiente socializador e positivo terán a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e evitarán, así, reincidir nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súas familias de orixe.

Os requisitos para formar parte do programa CONVIVE.VOMigo son os seguintes:  ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade… Á súa vez, valorarase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e a predisposición á aprendizaxe en diferentes eidos como a adolescencia ou a formación de carácter xurídico.

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que a persoa adolescente permaneza coa familia ou persoa.

Pódese consultar máis información sobre este programa na páxina web de ARELA, así como no teléfono 986 21 25 37 ou a través do enderezo electrónico convive@arela.org.

ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.