Corenta nenos e nenas benefícianse de apoio escolar e psicolóxico dentro do programa “É Aprender”, que chega a súa 5ª edición

  • Son cinco as parroquias nas que se imparte a actividade, en grupos reducidos e con persoal cualificado, contratado polo Concello e Deputación
  • As inscricións fixéronse a través dos centros educativos, que colaboraron co Concello

 

 

O Concello de Tomiño organiza, un ano máis, o programa de reforzo escolar gratuíto “É aprender”. Un proxecto educativo que chega a súa 5ª edición como ferramenta de apoio ao estudo, desenvolvemento do pensamento crítico e habilidades emocionais, para alumnado da ESO e ciclo superior de Primaria. A día de hoxe asisten uns corenta nenos e nenas; 11 deles de Secundaria e o resto de Primaria. As inscricións fixéronse a través dos centros educativos, que colaboraron co Concello.

 

Coa colaboración do IES de Tomiño, a Concellalía de Educación, que dirixe a alcaldesa Sandra González puxo en marcha o programa o mes pasado, con algunhas novidades coma, por exemplo, a contratación de persoal cualificado que se ocupa de coordinar a actividade, asistindo a cada un dos espazos educativos, en cinco parroquias (Tebra, Barrantes, Currás, Goián e Tomiño) co propósito de achegar todo o posible o servizo ás familias que o necesitan.

 

Os espazos para o alumnado este ano son Casa Cultural de Santa María de Tebra, Casa da Cultura de Tomiño, a Escola Obradoiro de Goián, Pavillón Multiusos de Barrantes e Local da asociación veciñal de Currás. Os horarios están organizados en función do lugar e os estudantes traballan en grupos separados segundo o nivel. As clases impártense de luns a xoves de 16h00 a 18h20 e de 18.20 a 20.20.

 

Coma en anos anteriores, neste tamén procedeuse á contratación dunha psicóloga externa, que presta apoio psicopedagóxico, así coma dunha docente (contratada a través da Deputación).

Asemade, o programa conta cun novo grupo de voluntariado, altamente cualificado, que traballa conxuntamente en todos os espazos e utilizando os mesmos criterios.

 

A iniciativa, pioneira na comarca, destina dúas horas de apoio escolar á semana a cada un dos grupos. Na primeira hora lévanse a cabo tarefas escolares e na segunda, actividades destinadas a traballar aspectos coma a atención, a motivación, a autoestima, a resolución de conflitos, etc.

 

O “É aprender” ten colleitado diversos éxitos e ten acadada repercusión fora do Concello. No ano 2014 Unicef premiou ao Concello de Tomiño no Certame de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal polo seu traballo a prol da educación.

 

A alcaldesa de Tomiño e responsable da área de Educación, salienta o esforzo do Concello por garantir unha educación de calidade a todas as familias do municipio, independentemente da súa situación socio económica.

 

A rexedora lembra tamén a importancia de poder coa axuda dunha psicóloga e terapeuta familiar, que fai intervencións con familias de mozos e mozas do IES e resto de asistentes ao Ë Aprender “facilitando a aquelas familias que requiran atención especializada o acceso gratuíto ao servizo, sen ter que ser derivados ao SERGAS, cando non sexa necesario”.

 

As familias interesadas aínda están a tempo de inscribirse, dirixíndose ao correo electrónico omix@tomino.gal ou no Departamento de Cultura do Concello de Tomiño.