CRA Mestre Manuel Garcés, un novo xeito de ver a educación

CRA Mestre Manuel Garcés, un novo xeito de ver a educación Foi recoñecido pola Xunta como centro máis innovador pola súa aposta por un proxecto educativo punteiro no que os nenos e nenas son o centro

Este martes 14 de febreiro celebra unha xornada de portas abertas e abrirán o seu período de matriculación o vindeiro 1 de marzo

 Unha nova forma de ver a educación, cun proxecto renovado de pés a cabeza no que fomentar a autonomía, sen materias nin libros de texto, adaptada á forma de pensar dos nenos e nenas, á súa espontaneidade, e tendo moi en conta a contorna. Esa é a proposta do CRA Mestre Manuel Garcés, que acaba de conseguir o premio Innovagal da Xunta na categoría de Infantil, Primaria e Educación Especial, converténdoo no centro educativo máis innovador de toda Galicia pola súa transformación a través da creación dunha escola aberta á comunidade, inclusiva e participativa.

Como sinala o director do CRA, Antón de Valenzuela, “é un orgullo para todo o centro que se recoñeza o traballo que estamos a facer e no que levamos moito tempo afondando, estruturando tempos e espazos e empregando un método propio que recolle e adapta formas de traballar de metodoloxías como Montessori ou Reggio Emilia. Que hai máis innovador que reinventarse?”.

Foi un cambio estrutural e radical do funcionamento deste CRA que, con 150 alumnos e alumnas, é un dos colexios rurais agrupados máis grandes de Galicia. A súa relación co resto da comunidade educativa e coa contorna en xeral é outro dos piares do seu proxecto educativo. Entre as novas iniciativas previstas para este curso contemplan realizar xornadas directas de contacto coa natureza, “normalizando o poder de dar clases na contorna, nos espazos que son de todos como se fose na propia aula”.

Pero, sen dúbida, unha das propostas que máis chaman a atención do centro é que, ademais de 25 docentes de educación infantil e especialistas en psicomotricidade, música, inglés… incorporaron ás súas aulas unha persoa experta en novas tecnoloxía e creatividade no que achegar a nenos e nenas a estes dous aspectos fundamentais da vida cotiá. “Detrás deste proxecto global hai moito traballo e moita formación. Non deixamos de intentar cousas por medo a que non saian, porque se hai un traballo detrás equivocarse é a mellor forma de mellorar e avanzar”, salienta o director.

E se no proxecto educativo integral do CRA Mestre Manuel Garcés os nenos e nenas son o epicentro, as familias son tamén un piar importante “e seguimos traballando para involucralas cada día máis”. Sempre coa ollada posta nunha innovación educativa na que o traballo por proxectos e a aprendizaxe cooperativa se mesturan cun ambiente familiar apoiada en ratios baixos nas aulas que favorecen o respecto polos ritmos individuais que permite medrar aos rapaces e rapazas e ao propio centro.

Unha oferta educativa única a ter en conta cando comece o prazo de matriculación nos colexios en marzo. Este martes 14 de febreiro celebrarán unha xornada de portas abertas a todos os pais e nais de 16.00 a 18.30 horas. O prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 20 de marzo.