Dakidarría prendeu “Lume” o pasado sábado 27 de xullo na Praza do Seixo O concerto encendeu Tomiño nunha actuación na que non faltaron os temas máis icónicos da agrupación

Eran as 22.30h cando un publico tomiñés entregado escoitaba os primeiros acordes dende o escenario. O concerto de Dakidarría daba inicio así a un recital cheo de enerxía no que se combinaron a maxia do seu directo coa posta en escena.
Esta actuación, que repasou a traxectoria dos do Val Miñor, levouse a cabo mediante a colaboración do Concello de Tomiño coa Deputación de Pontevedra, que mediante o programa “+ Música” busca apoiar a programación artística en galego dos concellos da provincia de Pontevedra.
Na Praza do Seixo mesturáronse a voz, a guitarra, o trombón, o baixo, a trompeta, o saxo e a batería que forman o grupo coas voces dos asistentes, que non puideron
evitar corear con eles ao unísono algúns dos seus temas máis recoñecidos como “Terra”, “Lume” ou “En Compostela”.
Despois de vinte anos de traxectoria, isto de subirse ao escenario non é descoñecido para Dakidarría, experiencia que demostraron con creces na cita de Tomiño,
animando ao público nun concerto moi especial, encadrado no medio da súa xira de verán.