VII Semana da Educación. Maitane Alonso

“Dende cativos vanse poñendo límites que impiden ás persoas desenvolver diferentes inquietudes” Maitane Alonso, a conferenciante máis nova das sete edicións da Semana da Educación, compartiu a súa experiencia dende que inventou unha máquina para conservar alimentos con 16 anos ata formar parte da lista ‘As outras 100 fortunas’ de Forbes

“Dende que somos pequenos márcansenos límites e váisenos categorizando, etiquetando. Iso impide que as persoas poidan ter diferentes inquietudes. O problema da mocidade non soe ser que non lles guste nada, senón que lles gustan moitas cousas moi diferentes que non encaixan nin na categoría A nin a B”. Así comezaba Maitane Alonso a explicar ao público da VII Semana da Educación a súa experiencia persoal dende que a curiosidade a levou con 16 anos a crear unha máquina para a conservación alimentaria para dar saída a toda a comida que sobraba das contundentes grelladas que facía o seu pai.

Agora, con 21 anos recentemente cumpridos, a investigadora, co-fundadora de Innovating Alimentary Machines e estudante de medicina, Alonso converteuse “na conferenciante máis nova das sete edicións da Semana da Educación. É unha nova investigadora, alumna de Medicina moi inquieta pola ciencia e co-fundadora da empresa Innovating Alimentary Machine, finalista do Premio Everis de España de 2020. E ven para falar de ciencia e innovación, contar a súa experiencia e desmitificar esa idea de que a mocidade non ten intereses”, como salientou a alcaldesa, Sandra González, durante a presentación.

Maitane Alonso animou ao público a pasar da curiosidade á realidade, pasando pola educación e a plantexarse a importancia de non deixar gardada nun caixón calquera idea que xurda que cremos que ten potencial para crear impactos positivos na sociedade. “Sentimos que o persoal investigador ou as e os emprendedores son algo moi alonxado, pero todos e todas nós levamos un deles dentro. Os nenos e nenas están sempre preguntándose o por que de todo e a medida que crecemos imos perdendo esa ilusión, esa curiosidade, e vanse levantando cada vez menos mans para facerse preguntas e acabando coa ilusión coa que se pode conseguir un mundo mellor”, recalcou.

Para acadalo Alonso desvelou que a clave está na “constancia, o esforzo e a ilusión” e en non poñer límites ás persoas, a deixarlles cuestionarse que lles gustaría facer no seu futuro e a escoitar as preguntas que nacen da curiosidade natural dos máis cativos e cativa. Unha apaixonada da investigación, a medicina, o emprendemento e sobre todo de compartir os seus coñecementos e experiencias, Maitane Alonso foi gañadora do premio Hipatia ao talento novo na ciencia, premio Muller Inspiración Revelación de Insparing Girls e do segundo galardón en microbioloxía no certame Intel ISEF polo que o MIT vaille poñer o seu nome a un asteroide e tamén recibiu o premio á sostibilidade da Arizona State University.

Unha prometedora carreira que a leva a atoparse no Ranking dos 120 Future Leaders Iberoamericanos de LlyC, na lista ‘As outras 100 fortunas’ de Forbes e na de 50 NEXDT de 50 Best of the World.