Desembarca en Tomiño Xirriquiteula Teatre, unha das mellores compañías teatrais do panorama español A compañía catalá chega este sábado 18 con ‘Laika’, un innovador espectáculo para público familiar con numerosos premios ás súas costas

Tomiño prepárase para gozar esta fin de semana da arte de Xirriquiteula Teatre, unha das mellores compañías do panorama teatral español e pioneira das artes en vivo para nenos, nenas e mocidade. O vindeiro sábado 18 de marzo o auditorio municipal de Goián acollerá a representación de ‘Laika’, un espectáculo con numerosos premios ás súas costas que falará ao público das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

“Queremos convidar a toda a veciñanza a vir ao auditorio de Goián este sábado a gozar dun espectáculo novidoso, moi diferente á programación que podemos ter habitualmente e que estrea en Tomiño unha pequena xira pola provincia. Unha programación teatral de gran calidade que seguro que namorará a todo o público asistente”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Da man da compañía catalá o público trasladarase a 1957 en Moscova, durante a Guerra Fría e a carreira espacial. Laika é unha cadeliña que sobrevive nas rúas da xeada cidade que pouco se imaxina que o seu destino a levará ao espazo na nave Spútnik II e pasará á historia da humanidade como o primeiro ser vivo en orbitar arredor da Terra. Unha historia coa que Xirriquiteula Teatre achegará ao público a aqueles que como a propia Laika se atopan inmersos sen querelo en loitas de poder doutros.

Neste espectáculo a compañía empregará técnicas diversas como as retroproxeccións en directo, monicreques e autómatas, sombras… xunto coa interpretación duns personaxes que falan un ruso moi singular acompañados dunha fermosa banda sonora creada a medida para arroupar cada escena. A obra foi gañadora do Premio Max 2021 ao Mellor espectáculo para público familiar, Premio GUINEUETA 2020 á traxectoria do espectáculo, Premio FETEN 2019 Xixón á mellor autoría e dirección, Premio BBVA 2019 ao mellor espectáculo, Premios da Crítica 2018 ao mellor espectáculo de teatro familiar, o Venus 2019 por méritos conseguidos ou dos Drac D’Or 2018 ao mellor espectáculo xurado infantil e mellor escenografía.

‘Laika’ é un espectáculo para público familiar recomendado a partir dos 6 anos. A representación será ás 17.30 horas e terá un prezo de 7 euros para persoas adultas e de 3,5 horas para menores de 12 anos.