Despois de dous anos de parón, a romería do Lanzo da Cruz volveu celebrarse Ás 16.30 horas saíron cara ao río cos chimpíns adornados, acompañados polo grupo de gaitas Os Chucos e a charanga Cantos Somos

Tras un parón de dous anos por mor da pandemia, Tomiño recuperou a tradicional Romaría do Lanzo da Cruz, na que se reúnen os pescadores de ambos os lados do río Miño para pedirlle ao Santo que lles permita ter unha boa pesca na tempada fluvial.

A Romaría do Lanzo da Cruz ten lugar na aldea de Os Escampados, na parroquia de Sobrada.

Nas xornadas previas, os días 16 e 17, a veciñanza tamén puido gozar de varios actos culturais e lúdicos.

Ao longo da xornada do domingo, os Treboeiros da Muimenta realizaron un percorrido pola parroquia e houbo queimada gratis.

Hoxe ás 12.30 horas oficiouse a misa solemne, dando paso á actuación da charanga Cantos Somos.

Ás 16.30 horas, as persoas asistentes, entre as que se atopaban a alcaldesa de Tomiño e o seu homólogo de Valença do Minho, saíron cara ao río cos chimpíns adornados, acompañados pola formación de gaitas Os Chucos e a charanga Cantos Somos. A continuación, levouse a cabo a bendición da Santa Cruz e o tradicional Lanzo da Cruz no río, coa colaboración de Protección Civil.

Ás 20.30 horas comezará no torreiro da festa unha chorizada gratis.