Día Internacional das Mulleres Rurais O Concello quere recoñecer a actividade da muller rural e manifestar o seu apoio a través de diferentes iniciativas para o fomento da igualdade de oportunidades, a sensibilización e a formación para a loita contra a violencia de xénero

O 15 de outubro celébrase o Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data instaurada pola Organización de Nacións Unidas (ONU), e na que se conmemora a contribución das mulleres ao desenvolvemento agrario e ao do sector cooperativo; á erradicación da pobreza rural e á mellora alimentaria.

En Galicia (e en Tomiño, claro) resulta case imposible entender o sector rural sen falar da figura da muller, que representa máis da metade das traballadoras e traballadores, unha cifra que visibiliza a súa responsabilidade no cultivo e mantemento das explotacións agrícolas e gandeiras.

Na actualidade, ser muller, rural e galega significa enfrontarse cada día a unha situación de desigualdade de xénero, derivada do illamento poboacional, e mesmo do acceso aos recursos.

Por iso preséntase a necesidade de apoiar o emprendemento da muller rural, promocionando e dinamizando novas iniciativas sociais e empresariais que a axuden a romper cos obstáculos que se presentan no seu día a día, a acceder a postos de responsabilidade e, en definitiva, lograr unha igualdade que se reflicta na vida cotiá.

O Concello quere recoñecer a dura actividade diaria da muller rural e manifestar o seu apoio a través de diferentes iniciativas para o fomento da igualdade de oportunidades, a sensibilización e a formación para a  loita contra a violencia de xénero, etc.