Dispoñibles xa en YouTube e varias plataformas de podcast as conferencias da VIII Semana da Educación de Tomiño O Concello pon a disposición do público as charlas de José Manuel López Nicolás, Eurídice Cabañes, Miriam Leirós e Nino Cervera e Natalia R. Valls

O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta polas novas tecnoloxías para levar a Semana da Educación máis alá do auditorio municipal de Goián. Para achegar a oitava edición deste importante evento a todos os públicos, o Concello xa puxo a disposición das persoas interesadas os vídeos de podcast das catro conferencias impartidas o pasado mes de febreiro, nas que cinco destacados profesionais afondaron sobre a educación con ciencia e con conciencia.

“Difundindo a nosa Semana da Educación en diferentes plataformas buscamos seguir achegando o debate sobre temas que nos preocupan a pais e nais e á comunidade educadora, tanto para aquelas persoas que non puideron desfrutar con nós das magníficas charlas de forma presencial como para todo o público que estivo no auditorio de Goián e quere volver deleitarse coas diferentes temáticas que tratamos”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Con grande acollida de público e coa presenza por primeira vez de docentes procedentes do norte de Portugal, cinco recoñecidos expertos e expertas fixeron reflexiona ao público sobre temas como a alimentación, os videoxogos, a educación social ou a propia docencia.

Así, o catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular, investigador e divulgador José Manuel López Nicolás botou luz sobre os mitos e realidades que rodean á alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que atopamos nos supermercados e desmontando algúns produtos ‘con’ e ‘sen’. A doutora en Filosofía, docente e experta en videoxogos como ferramenta de transformación social Eurídice Cabañez, abordou o uso das novas tecnoloxías e o seu impacto na infancia e na mocidade. Pola súa banda, Miriam Leirós, mestra, educadora ambiental e experta en xestión social do hábitat e deseño participativo afondou na educación ecosocial. O broche de ouro do ciclo de conferencias chegou da man dos docentes Natalia R. Valls e Nino Cervera, que nunha charla dinámica e participativa reflexionaron sobre as claves dun bo ou boa docente e a boa educación con metodoloxías para obter clases innovadoras, motivadoras e inspiradoras.

As persoas interesadas poden ver os vídeos das conferencias íntegras, coa charla e a quenda de preguntas na canle de YouTube do Concello de Tomiño. Ademais tamén están dispoñibles en formato podcast en Spotify, Amazon Music, iVoox, Spreaker ou Anchor.