Docentes da Escola de Música de Goián explican esta semana as súas experiencias a colegas europeos A iniciativa forma parte do proxecto impulsado polos concellos de Tomiño e Paredes de Coura para promover a formación en valores a través da música

O Play2 Grow!, o proxecto Erasmus compartido polos Concellos de Paredes de Coura e Tomiño coa Fondazione Maria Ida Viglino per la Cultura Musicale de Aosta (Italia), organiza nesta semana un intercambio de experiencias didácticas entre docentes de diferentes entidades musicais.

Entre o luns 16 e o venres 20 de novembro, serán analizadas doce iniciativas consideradas boas prácticas para a transmisión de valores e habilidades a través da música. A Escola de Música de Goián presentará os seus campamentos musicais e as súas iniciativas de promoción da inclusión. Seis docentes, encabezados polo director da Banda de Música, Pedro Villarroel explicarán a outros colegas europeos estas experiencias de divulgación da música entre a xente máis nova e diferentes sectores da sociedade.

No encontro formativo, que se desenvolverá a través de Internet debido ás circunstancias da crise sanitaria da COVID19, participan tamén a Escola de Rock de Paredes de Coura; a Fondazione María Ida Viglino per la cultura musicale; Son de Seu, a experiencia de música Folk de Rodrigo Romaní; Sol Music Network, unha rede global de produción e promoción musical; os Estudos Mans da Fundación Paideia; o estudo Bonobó ou A música da reciclaxe, unha iniciativa de Ecoembes.

O proxecto Play to Grow https://play2grow.eu, iniciado a finais de 2019, continuará ata o verán de 2021 desenvolvendo achegas en canto a metodoloxía e formación curricular por medio do Play2 Grow HUB, unha ferramenta de intercambio de coñecementos colaborativos para a aprendizaxe e a interacción en habilidades chave a través da música:. No verán de 2021 celebraranse en Paredes de Coura e Tomiño senllos encontros entre alumnado das escolas participantes.

Pódese consultar o programa completo en: https://play2grow.eu/2020/11/13/train-the-trainers-event-online-from-16th-to-20th-of-november/