Douscentos escolares de Cerveira e Tomiño participan conxuntamente en obradoiros artísticos con material de refugallo

Douscentos escolares de Cerveira e Tomiño participan conxuntamente en obradoiros artísticos con material de refugallo Ao abeiro do proxecto gañador nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2019 para fomentar a creatividade e o respecto polo medio ambiente

O Convento SanPayo en Vila Nova de Cerveira acolle entre o 3 e o 11 de outubro cinco obradoiros que pretenden promover a aproximación entre nenos e nenas da Eurocidade Cerveira-Tomiño compartindo educación en valores a través de actividades artísticas e experimentación con materiais de refugallo. O proxecto, impulsado conxuntamente polas Associaçoes de Pais e Nais dos Centros Escolares de Cerveira e a Mesa de ANPAS dos Centros educativos de Tomiño resultou gañador nas votacións da última edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo celebradas en decembro de 2018.

Os obradoiros están orientados ao alumnado de 5º de Educación Primaria e pretenden resaltar a importancia de non deixar lixo na natureza e de posibilitar unha segunda vida aos obxectos dun xeito creativo, na procura da educación en valores como o coidado e o respecto do medio ambiente e o fomento do interese polo arte e a creatividade.

A actividade prevé un máximo de 200 participantes, en cinco sesións de 2 horas de duración, con participación proporcional de alumnado galego e portugués. As sesións inclúen exercicios de creación e construción a partir da combinación de elementos atopados no lixo e na natureza (follas, paus, piñas, pedras,… rolos de papel hixiénico, botellas e vasos de plástico, tapóns, etc…). Os traballos resultantes poderán visitarse posteriormente nunha exposición no Convento SanPayo.

O Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.