DÚAS MEDALLAS DE OURO PARA OS TEIXUGOS NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN ORTHEZ A mellor actuación foi a de Luís Fernández, na modalidade C1 sénior, acadou a medalla de ouro desta 1ª Copa de España. A outra medalla foi para Emilio Rodríguez en K1 Veterano

DÚAS MEDALLAS DE OURO PARA OS TEIXUGOS NA PRIMEIRA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN ORTHEZ

Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira competición da Liga Española de Slálom Olímpico. A falta de canles de augas bravas en España, obriga a que moitas competicións recorran as infraestruturas do país veciño, coma neste caso.

O Club Deportivo Miño- Teixugos acudiu, como xa é habitual, con tódolos seus deportistas de categorías superiores.

A mellor actuación foi a de Luís Fernández, na modalidade C1 sénior, na mañá do sábado foi quen de entrar en semifinais co segundo mellor tempo, despois no domingo entrou nas finais, onde se impuxo a todos os participantes e acadou a medalla de ouro desta 1ª Copa de España.

A outra medalla de ouro foi para Emilio Rodríguez en K1 Veterano, que se impuxo aos seus competidores na final directa do domingo.

Na categoría K1 muller cadete, as dúas representantes do club, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro, foron quen de superar as clasificatorias e entrar nas semifinais. Xa na mañá do domingo, non deron pasado a finais, rematando sétima e octava respectivamente. Tamén participaron en C1 Cadete, onde tras pasar a semifinais non conseguiron facer final, rematando Ainhoa sétima e Alba novena.

Brais Castro, en C1 sénior,  tamén acadou semifinais no sábado, e xa no domingo non foi quen de entrar en finais, por apenas un segundo, rematando na quinta posición.

Samuel Castro en, C1 cadete, na mañá do sábado logrou entrar nas semifinais, pero non nas finais do domingo, rematando en quinto lugar.

Manuel Ochoa en K1 sénior tamén logrou o seu pase a semifinais na mañá do sábado, xa en semifinais fixo unha moi boa baixada, co terceiro mellor tempo, pero quedou fóra de finais por unha dubidosa penalización de 50 segundos, rematando décimo oitavo.

Sergio Rodríguez, en K1 cadete, acadou tamén semifinais, pero non finais, rematando en décimo segundo lugar. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, quedou fóra de semifinais rematando vixésimo cuarto.

Na clasificación por equipos o gañador foi  o Atlético San Sebastián, seguido do Cadí Canoe-Kayak,  en terceiro lugar quedou  o Santiagotarrak, na cuarta posición os galego do Piragüismo Penedo e xa a seguir o Deportivo Miño-Teixugos que rematou en quinto lugar.

A próxima competición da Liga Española de Slálom será  en terras galegas, concretamente nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz.

Texto: Rosa Fernández Carrera.

Dende a Concellería de Deportes, queren facer chegar os seus parabéns a estes dous grandes palistas e a todo o equipo do club, polo seu esforzo constante.