Dúas novas medallas para os palistas do Club Deportivo Miño na Copa de España de Slalom

DÚAS MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM

Esta fin de semana tivo lugar na canle do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, a 2ª Copa de España de Slálom Olímpico, pertencente a Liga Española de Slálom. As competicións da Liga de Slálom teñen lugar ao longo de dous días, sábado e domingo, celebrándose en cada un deles clasificatorias e finais. O resultado final obtense coa suma dos postos obtidos nos dou días.

O Club Deportivo Miño participou nesta ocasión con oito dos seus deportistas, obtendo uns moi bos resultados, volvendo de LLeida con dúas medallas de prata.

En K1 sénior feminino,  Andrea González e Marina Ruedas remataron décimo quinta e décimo sexta, respectivamente, unhas posicións do máis dignas nesta complicada canle e nunha tempada na que apenas levan adestrado porque os seus estudos non llo permiten.

En K1 cadete feminino Ariadna Pereira foi sétima, despois de dúas baixadas algo lentas pero sen case penalizacións.

En C1 sénior chegou a primeira medalla para os Teixugos da man de Luís Fernández. Luís rematou segundo tanto sábado como domingo, o que lle valeu a medalla de prata da máxima categoría, solo superado polo olímpico Ander Elosegui. Medalla de prata que sabe a ouro tendo en conta a idade de Luís, este é o seu segundo ano de sénior, e que ademais acusa unha pequena lesión no seu ombreiro.

Tamén en C1 sénior, Brais Castro, que se estrea este ano na categoría,  rematou noveno. O sábado fixo unha moi boa baixada coa que deu entrado en finais e rematou sétimo, o domingo quedou fóra por moi pouco, rematando décimo.

En K1 veteranos chegou a segunda medalla da man de  Emilio Rodríguez, que tanto o sábado coma o domingo fixo dúas moi boas baixadas que lle valeron o segundo posto por detrás de Carles Juanmartí do Cadí, o club local.

En K1 sénior, Manuel Ochoa , tanto sábado como domingo fixo finais, rematando finalmente quinto na categoría máis numerosa desta competición, un posto con moito mérito se se ten en conta o altísimo nivel dos competidores, con apenas décimas de segundo de diferenza nos quince primeiros postos, e que ademais, ao igual que Brais , este é o seu primeiro ano na categoría.

O último dos teixugos en participar foi Marco Patiño, en K1 júnior, que fixo dúas baixadas algo lentas, pero con moi poucas penalizacións, que lle valeron a décimo sétima posición.

Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño,  foi o mellor dos clubs galegos coa súa sexta posición.

A seguinte competición da liga XII Liga de Slálom Olímpico “Manuel Fonseca” será o 6 e 7 de maio, no mesmo lugar.

Resultados:

http://rfep.es/publicacion/ficheros/file/Resultados%202%C2%AA%20Copa%20de%20Espan%CC%83a%20de%20Slalom%20La%20Seu%20d’Urgell%201%20y%202%20abril%202017.pdf

Texto e fotos: Rosa Fernández Carrera .

O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso quere facer chegar a súa felicitación a todas e todos os compoñentes do club, polo seu impecable desempeño, froito do traballo permanente.