Dúas novas medallas para Os Teixugos no Campionato de España “Jóvenes Promesas” En K1 cadete, Sergio Rodríguez acadou praza nas finais onde fixo o terceiro mellor tempo. En C1 cadete feminino, houbo finais directas e Ainhoa Barreiro baixou ben e  sen penalizacións, rematando terceira

Esta fin de semana celebrouse na localidade leonesa de Sabero o Campionato de España “Jóvenes Promesas de Slálom”. Deportistas das categorías infantil e cadete de  toda España déronse cita na canle de  augas bravas  de Alejico.  O Club Deportivo Miño-Teixugos  acudiu a cita con oito piragüistas que deron o mellor de si sobre as augas do río Esla.

O sábado tiveron lugar as probas clasificatorias que daban acceso as semifinais a celebrar o domingo. Na categoría cadete Samuel Castro en C1 e  Alba Soutelo en K1 e C1, e Ainhoa Barreiro en K1, non tiveron sorte e quedaron fóra das semifinais. Si conseguiron superar as clasificatorias Ainhoa Barreiro en C1, Sergio Rodríguez en K1 e Alexis Segadaes tamén en K1. Na categoría Infantil Mateo Alvarez en K1 e Adrián Lluch  en K1 e C1, non conseguiron cas dúas baixadas acadar un posto nas semifinais, aínda que estiveron moi preto de conseguilo.

O domingo Alexis Segadaes, en K1 cadete, fixo unha boa baixada en semifinais, pero o tempo non lle permitiu a entrada na final, rematando a competición cun meritorio décimo lugar. Na mesma categoría Sergio Rodríguez si acadou praza nas finais onde fixo o terceiro mellor tempo, acadando por tanto a medalla de bronce. En C1 muller cadete houbo finais directas, e Ainhoa Barreiro baixou ben e  sen penalizacións, rematando terceira e conseguindo a a medalla de bronce.

Bo balance para os Teixugos neste campionato de España con dúas medallas de bronce, pero sobre todo boa experiencia para os máis pequenos do Club que aproveitaron para remar e adestrar nunha canle adaptada para o seu deporte, canle da que carece Galicia, e sobre todo para intercambiar experiencias e amizades con outros deportistas do resto de España.

Tamén se celebrou nestas xornadas o “Campeonato de España Infantil por Autonomías” acadando os galegos a terceira posición por detrás de vascos e catalás.

Informa: Rosa Fdez. Carrera.